Especialistas de máis de 12 países debaten en Vigo sobre topoloxía, a rama máis nova das matemáticas clásicas

A cita prolongarase na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial ata o sábado
Publicado por o día 20/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Estados Unidos, Italia, Arabia Saudí, Portugal, Alemaña, Polonia, Israel, México, Xapón, Ecuador, Polonia, Xeorxia… Especialistas procedentes de máis dunha ducia de países reúnense esta semana na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial para presentar os últimos avances en topoloxía, a rama máis nova das denominadas matemáticas clásicas -na que se inclúen a álxebra, a xeometría ou a teoría dos números- e que se encarga do que algúns expertos e expertas denominan a xeometría flexible, é dicir, o estudo das propiedades daqueles obxectos xeométricos que permanecen inalteradas aínda que ditos corpos sexan pregados, dilatados, contraídos ou deformados.

O encontro. bautizado como 2019 Interdisciplinary Colloquium in Topology and Its Applications, prolongarase ata o vindeiro sábado e para inauguralo contouse coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a nova concelleira de I+D e de Dinamización Administrativa do Concello de Vigo, Ana Mejías, docente e sudirectora da escola; o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan E. Pardo, e a presidenta do comité científico deste encontro, a profesora da Universidad de Navarra Mª Jesús Chasco. Todos recalcaron o elevado nivel científico do encontro e a oportunidade que supoñen este tipo de citas para compartir coñecemento sobre os diferentes avances que se están a conseguir nos grupos de investigación máis punteiros que traballan nesta materia. Ademais de dárlles a benvida aos participantes, aos que se animou a gozar da cidade de Vigo, houbo tamén numerosas verbas de agradecemento, tanto para o Comité Científico como para o Comité Organizador, por ter elixido esta cidade cara celebrar o coloquio.

Tres días para presentar resultados e afondar nas aplicacións reais

Ao longo destes tres días abordaranse temas moi variados e interdisciplinares, “afondando non só nos resultados teóricos, senón tamén nas aplicacións da topoloxía aos problemas reais”, explica o profesor da EE Industrial, Ricardo Vidal, membro do Comité Organizador do congreso, que fai tamén fincapé  no elevado nivel científico, tanto das e dos conferenciantes convidados como dos demais participantes que contribúen coas súas achegas. “As contribucións que se farán neste coloquio son inéditas e as súas aplicacións serán futuras e difíciles de prever”, explica Vidal, recalcando así o carácter técnico desta xuntanza.

“O topólogo considera os mesmos obxectos que o xeómetra pero non se fixa nas distancias ou os ángulos”, explica Vidal, que destaca a variedade de eidos nos que se pode aplicar este ámbito das matemáticas. “Contamos coa presenza de nove relatores convidados que impartirán conferencias de longa duración e outros conferenciantes que impartirán relatorios curtos, 25 en total, ademais doutras comunicacións en formato póster”, salienta o organizador do encontro.

Os nove relatores convidados, chegados desde Alemaña, Italia, Xapón, Xeorxia, México e España, “son figuras de primeiro renome a nivel internacional, profesionais moi recoñecidos nesta rama da ciencia”, explica Vidal. O primeiro en intervir foi Mikhail Tkachenko, da Universidade Autónoma Metropolitana de México.

Homenaxe aos catedráticos Eusebio Corbacho e Elena Martín

Ademais de para a presentación e intercambio de resultados científicos, nesta ocasión o congreso serve tamén como escenario de fondo para realizar unha sentida homenaxe pola súa xubilacións a dous catedráticos de Matemáticas xubilados: Eugenio Corbacho, da Universidade de Vigo, e Elena Martín, da Universidad Complutense de Madrid, dous profesionais con destacadas contribucións ás diferentes ramas desta ciencia e cuxas traxectorias arrancaron de maneira conxunta na Universidade de Zaragoza, onde forxaron unha amizade que se mantivo no tempo e que deu como froitos un bo número de relacións internacionais con outros investigadores, relacións das que se beneficiaron os seus respectivos departamentos e universidades.  “Son dúas persoas que, ademais, traballaron por captar e formar de xeito profundo e versátil ao alumnado nas súas respectivas áreas de coñecemento”, recalca Vilas.

“Estes dous profesionais que agora se xubilan son un bo espello para que os novos investigadores e investigadoras vexan que se pode lograr unha exitosa carreira científica na propia universidade española”, recalcou o reitor, que fixo tamén fincapé en como ambos profesionais contribuíron “con forza” á formación de múltiples xeracións “tanto de enxeñeiros como de matemáticos e matemáticas”.

“Son zaragozano de nacemento, pero vigués de corazón”, explicou Corbacho, quen se xubilará o vindeiro 31 de agosto tras preto de 40 anos como docente e investigador. “Cheguei a esta mesma escola no ano 1981”, recalcou emocionado, lembrando que “naquela dabamos clase nunha especie de barracóns e aí estivemos ata que se construíu a escola superior de enxeñería industrial no campus”. “Foi moito o que se conseguiu dende aquela e se antes o camiño científico só pasaba por Santiago hoxe, afortunadamente, tamén o fai por Vigo”, recalcou Corbacho.