Especialistas hispano-italianos analizan no campus as principais luces e sombras da industria do automóbil

Este venres inaugurouse no campus o X Congreso Italia-España de Historia Económica
Publicado por o día 22/10/2017 na sección de Universidade de Vigo

Especialistas hispano-italianos analizan no campus as principais luces e sombras da industria do automóbil

En marzo de 1958 Citroën Hispania iniciou a súa actividade en Vigo co ensamblado da furgoneta Azu, versión derivada do coñecido 2CV. Hoxe, case 40 anos despois, e convertidos no Grupo PSA Vigo a fábrica está considerada un dos piares básicos da economía galega e representa o 30% das exportacións desta comunidade. A importancia deste sector, tanto a nivel local como global, non pasou desapercibida para os profesores Rafael Vallejo, da Universidade de Vigo, e Margarita Vilar, da Coruña, que decidiron centrar neste ámbito da industria o X Congreso España-Italia de Historia Económica, un encontro bilateral que durante hoxe venres e mañá sábado reúne na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais un destacado número de expertos de ambos países dispostos a facer unha revisión e posta ao día das principais luces e sombras da historia deste sector en ambos países.

Xunto aos responsables do comité organizador participaron na inauguración do encontro o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o decano da facultade, Santiago Gómez; o responsable da coordinación xeral, o profesor italiano Giovanni Luigi Fontana; o director da agrupación estratéxica Ecobas, Carlos Hervés, e o director de comunicación do grupo PSA en Vigo, Pedro Hortas. Todo destacaron a idoneidade de Vigo para celebrar un encontro deste tipo, remarcando o carácter industrial da cidade olívica, marcadamente automobilístico, non só pola presenza do grupo PSA, “cabeza tractora” de todo o sector, senón tamén de todo un conglomerado de empresas auxiliares que actualmente proporcionan máis de 19.000 empregos totais, xeran uns 43.000 empregos directos e indirectos, preto do 15% do PIB galego.

“Se hai un sector por excelencia que represente a modernidade ese é a automoción”

“Se hai un sector por excelencia que represente a modernidade ese é, sen dúbida, a automoción. En Vigo sabiamos facer pesca e sabiamos facer barcos, pero tamén aprendemos a facer coches, ata o punto de converternos na referencia que somos hoxe”, salientou o alcalde, que remarcou a importancia de todas as empresas auxiliares que pouco a pouco se foron implantaron en toda a comarca, pondo como exemplo o caso de Aludec, unha firma dedicada á produción de emblemas para distintas marcas de automóbiles, “entre elas Peugeot-Citroën, como non podía ser doutra maneira, pero tamén BMW, Volkswagen e incluso Roll-Royce”, indicou o rexidor vigués, que subliñou tamén “o enorme número de persoas as que dan emprego este tipo de empresas, gran parte enxeñeiras e enxeñeiros formados na propia Universidade de Vigo”.

Tamén Pedro Hortas, do Grupo PSA, remarcou o intenso vínculo da factoría viguesa coa Universidade, “é un ecosistema colaborativo no que os lazos coa Universidade, especialmente a de Vigo, son moi intensos”, recalcou este directivo, que lembrou que a fábrica acaba de celebrar a cifra de 13 millóns de vehículos producidos, “ao ritmo de un vehículo cada 45 segundos”.

PSA Vigo como exemplo

A conferencia inaugural do encontro correu a cargo de Juan José Areal, do Grupo PSA Vigo, que fixo unha breve descrición do grupo e do modo de funcionamento da fábrica viguesa, facendo numerosas referencias á contorna de competencia na que se move a firma e as principais medidas que se están a levar a cabo para seguir avanzando. Con numerosas mencións á denominada “fábrica excelente”e a “fábrica do futuro” o directivo foi explicando como cada tres anos se van “xerando diferentes plans nos que tratamos de establecer o noso futuro a nivel de innovación”. Como grandes desafíos para o sector, Areal situou aos clientes, “un cliente tecnoloxicamente cada vez máis avanzado” e tamén os colaboradores, “os principais, os nosos propios traballadores e traballadoras”.

Tras a conferencia inaugural arrancaron as diferentes comunicacións. Serán un total de 15 e nelas afondarase en temas como as políticas industriais en España, os casos de empresas como Seat, Fiat, Opel ou Renault, así como o relevante papel das Zonas Francas.

Cita bianual

O Congreso España- Italia de Historia Económica chega a Vigo tras pasar por cidades de ambos os dous países, como Bari, Alacante, Padova, La Laguna, Xénova, Palma de Mallorca ou Catanzaro. “Os congresos xurdiron a finais da década de 1990. Neses anos creouse un comité Italia-España para a Historia Económica, no seo das asociacións de historia económica dos respectivos países”, lembra Rafael Vallejo, que sinala que trala celebración do primeiro congreso en Bari en 1999, o resto realizáronse con periodicidade bianual, organizados por universidades italianas e españolas, respectivamente.