Especialistas internacionais abordaron hoxe nunhas xornadas a nova produción literaria latinoamericana

Organizadas polo grupo ELICIN, o Departamento de literatura española e a FFT
Publicado por o día 15/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Especialistas internacionais abordaron hoxe nunhas xornadas a nova produción literaria latinoamericana

Cun relatorio sobre literatura e violencia na produción latinoamericana actual a cargo de María Alonso, comezaban esta mañá as xornadas Literatura latinoamericana: reflexións e desafíos organizadas polo grupo de investigación ELICIN, o Departamento de literatura española e teoría da literatura e a Facultade de Filoloxía e Tradución. Ao longo da mañá as e os poñentes achegaron ás persoas asistentes a través de intervencións en liña os seus relatorios encadrados en tres temáticas: a novela negra e o compromiso social; a nova narrativa chilena e as novas tendencias na investigación, co obxectivo de “abordar deste o ámbito académico a nova produción literaria latinoamericana dende un punto de vista divulgativo coa intención de coñecer o que se está a facer tanto dentro como fóra da UVigo por especialistas sénior e júnior na literatura latinoamericana e intentar abrir novas liñas de investigación relacionadas coa produción literaria actual do continente americano”, explica María Alonso, investigadora posdoutoral do grupo ELICIN e xunto a Carmen Luna e Rocío Hernández, organizadora do evento.

O seminario celebrado este martes é, segundo as súas promotoras, a materialización dun traballo de anos, nos que se foi tecendo unha rede de colaboracións entre diferentes universidades e grupos de investigación en Galicia e no estranxeiro, coa participación de especialistas de Brasil (Cristian Javier López), Escocia (Fiona Mackintosh) Hong Kong (Bárbara Fernández) e Estados Unidos (Berna Muñoz). “Os temas tratados no seminario están relacionados cos traballos e investigacións destas persoas”, explica María Alonso, que destaca o carácter divulgativo e non exclusivamente académico do seminario, que lles permite levar as súas investigacións máis aló da facultade, transferindo coñecemento á sociedade en xeral. En relación coas e cos poñentes, a organizadora destaca que ademais de contar con tres das maiores especialistas en literatura latinoamericana de Galicia e no Reino Unido, “a maior parte das participantes somos novas investigadoras e investigadores neste campo e catro delas doutorámonos nos últimos anos”.

Un grupo activo que traballa para dar visibilidade aos estudos literarios

A organización das xornadas Literatura latinoamericana: reflexións e desafíos é unha más das actividades impulsadas nos últimos anos por ELICIN, “un grupo de xente nova e moi activa que traballamos para intentar dar máis visibilidade aos estudos literarios e relacionados co cinema dentro da Facultade de Filoloxía e Tradución”, explica María Alonso. A comezos deste ano, o grupo organizou na UVigo o congreso Lingua e Violencia: mediacións literarias na era do antropoceno, xunto coa Universidade de Santiago e o King’s College London, e no ano 2018 promoveu a celebración do XIII Congreso Internacional da Asociación Española de Estudos Literarios Hispanoamericanos, ademais doutras actividades e publicacións relacionadas coas investigacións que están a desenvolver.