O espectáculo Desconexión, da compañía viguesa de Xurxo Cortázar, na Sala Ártika

Publicado por o día 02/05/2017 na sección de Cultura,Vigo

O espectáculo Desconexión, da compañía viguesa de Xurxo Cortázar,  na Sala Ártika

A primeira fin de semana de maio acollerá, na Sala Ártika de Vigo (Beiramar 113), o espectáculo Desconexión, do actor afincado desde hai anos na Cidade Olívica, Xurxo Cortázar. O espectáculo está escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, nomeado recentemente finalista a dous Premios Max das Artes Escénicas (Mellor Autoría Teatral e Mellor Dirección Escénica) e gañador do premio María Casares a Mellor Texto Orixinal na última edición dos premios María Casares do teatro galego, entre outros galardóns, pola súa obra Raclette producida por Ibuprofeno Teatro.

Desconexión é unha obra aceda onde o traballo interpretativo do único actor en escena (Xurxo Cortázar), o vestiario, o deseño de luces e o espazo sonoro levan o peso do espectáculo.

Sinopse

O individuo 299/1973 FK3 vive conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns.

Ten dobre personalidade: cando viste traxe verde é amable e deixa pasar;cando viste traxe vermello é malencarado e manda parar. Xornada tras xornada desenvolve a súa rutineira misión, sen poder esquecer o seu obxectivo soñado: fuxir cara á liberdade e converterse nun ser humano. Unha avaría no seu sistema fai que saia da súa gaiola e emprenda unha viaxe cara ao descoñecido. Por fin atopou unha vía para desconectar.

No seu periplo vaise atopar en situacións novas para el, que terá que resolver coa dignidade que lle permita o feito de ser un monifate sen personalidade definida.

Mediante a metáfora da dualidade do monifate do semáforo, en Desconexión tratamos temas inherentes ao ser humano: a rutina e as gañas de fuxir dela; a necesidade de formar parte de algo e a necesidade de individualidade; o afán de estar conectado e o afán de desconectarse… Sempre desenvolvidos desde un humor mordaz e corrosivo co fondo tráxico do sentimento de falta de liberdade para poder tomar decisións propias.

As funcións serán o venres 5 e o sábado 6 ás 21:30 horas e o domingo 7 ás 20:00 horas.

As entradas poden adquirirse de forma anticipada no portal especializado en venda de entradas www.ticketea.com ou na propia sala os mesmos días das funcións.

Esta é a primeira vez que Xurxo Cortázar amosa esta produción ao público vigués despois de ser estrada en Santiago de Compostela o pasado mes de febreiro e coa que estará de xira por toda Galicia o resto do ano.

Xurxo Cortázar

É actor profesional desde o ano 1996, cando comeza a colaborar coa compañía Migallas Teatro onde actúa en espectáculos tanto para adultos como para público infantil e familiar. Despois duns anos combinando a interpretación coas tarefas de produción e dirección artística en diferentes programacións e actividades promovidas polo Concello de Pontevedra (Domingos do Principal, Feira do Humor, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, etc.) produce e protagoniza o monólogo A Penitencia do Pirata, de Budumbu Producións, para público adulto baseado na lenda do pirata Benito Soto.

A finais de 2006 comeza a traballar coa compañía Galitoon nos espectáculos Golulá (Premio ao Mellor espectáculo infantil na 10a Feria de Teatro Castilla y León de Ciudad Rodrigo; Premio ao Mellor Espectáculo Innovador na 24a Mostra de teatro de Ribadavia); Babiliglub; Festas do Axóuxeres e Botazz, o swing do jazz. En 2011 dirixe o seu primeiro espectáculo: Valados para Artestudio Teatro, do que tamén forma parte do elenco, e comeza a traballar coa compañía Baobab Teatro nos espectáculos Babs; O Soldadiño de Chumbo e Martes.

Santiago Cortegoso

Despois de traballar como actor en numerosos espectáculos de compañías galegas (Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, A Factoría Teatro, Nove Dous,Llu Llu teatro, etc.), intensifica a partir de 2009 a súa actividade na escrita e na dirección de escena, nomeadamente á fronte da súa compañía: Ibuprofeno teatro. Algúns dos seus traballos recentes son: Raclette (Premio Álvaro Cunqueiro 2014; Premio ao Mellor Espectáculo de Sala na Feria de Teatro de Castilla y León, Ciudad Rodrigo 2016, estreada por Ibuprofeno Teatro en 2016), A órbita do Lucecú (Dirección e coordinación do proceso de escrita, para Lucecús Teatro 2015), O Furancho (Ibuprofeno Teatro 2015), Smoke on the wáter (Premio MOME Varela Buxán 2013), Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios (Ibuprofeno Teatro 2012, Premio María Casares a Mellor texto orixinal), El charco de Ulises (Iberescena2010, editado en Artezblai), A filla de Woody Allen (Ibuprofeno Teatro 2010, Finalista nos Premio Max), 0’7% Molotov (Premio Rafael Dieste 2009, estreado por Teatro de Ningures, finalista a Mellor texto orixinal nos Premios Max e nos Marías Casares 2012), Hámster (Seleccionado nos III Encuentros en Magalia 2008, editado no no 60 da RGT, estreado pola Sala Triángulo de Madrid en 2009), Des-memoria-2 (Para Disquedanza, 2009), Os Cómicos dell’Auto (Para Teatro de Ningures, 2009, finalista nos Premios María Casares 2010 a mellor texto orixinal) e Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica (Editorial Morgante, 2010).