O espectáculo Voces femininas sonará no Teatro Afundación de Vigo na súa novena edición

O concerto terá lugar ás 20.30 h, reivindicando o papel da muller.
Publicado por o día 25/11/2016 na sección de Cultura,Vigo

O espectáculo Voces femininas sonará no Teatro Afundación de Vigo na súa novena edición

O Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) acollerá o vindeiro 26 de novembro ás 20.30 h, o espectáculo musical Voces femininas que xa vai pola súa novena edición. Esta iniciativa ten como principal obxectivo reivindicar o enorme talento feminino existente neste sector. O programa inclúe as actuacións de Sóley Stefánsdóttir, Anaïs Mitchell e a homenaxe voces a Kate Bush. As entradas xa están dispoñibles a través das canles habituais de comercialización da entidade: mediante a web de Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.

O FESTIVAL E AS ARTISTAS

Voces femininas naceu en 2008 como un espazo no que dar cabida a grandes intérpretes e compositoras de todo o mundo. Trátase de promocionar artistas incriblemente dotadas, algunhas con gran preponderancia nos seus países e na escena internacional.

Sóley Stefánsdóttir deuse a coñecer ao mundo como parte do colectivo islandés Seabear. Publicou o seu primeiro EP en solitario, Theatre Island, no prestixioso selo alemán Morr Music, causando un considerable terremoto entre a crítica e os afeccionados á música. Desde entón publicou dous LP’s e un par de Ep’s que a sitúan como unha das promesas máis importantes da escena musical islandesa e mundial.

Nacida en Vermont e criada ao longo do mundo, Anaïs Mitchell é unha das figuras máis importantes do novo folk americano. Os seus tres primeiros discos xa tiñan posto tras a súa pista toda a crítica, pero coa publicación de Hadestown, unha ópera folk sobre o mito de Orfeo e Eurídice na que colaboraban, entre outros, Ani Di Franco e Justin Vernon (Bon Iver), consagrábase como unha das compositoras máis importantes da súa xeración en Estados Unidos.

Así mesmo Voces femininas tamén quere render en cada edición unha pequena homenaxe ás pioneiras, ás grandes voces femininas que deu a historia. A música que soará antes de cada actuación e o final será de a Kate Bush, a primeira cantante e compositora en lograr un número 1 no Reino Unido, cuns textos que se afastaban dos clichés masculinos que imperaban nas cancións do momento.