Esquerda Unida apoia as reivindicacións de FOANPAS sobre a adscrición de centros e pide o cesamento do xefe territorial de educación

Como vén facendo dende que comezou o conflito da zonificación por mor da decisión unilateral de mudar a adscrición dos centros e institutos por parte do Xefe Territorial de Educación, César Ares, Esquerda Unida posiciónase coas ANPAS representadas en FOANPAS e esixe o seu cesamento no caso de non retirar a súa imposición
Publicado por o día 27/01/2017 na sección de Esquerda Unida,Política,Vigo

Esquerda Unida apoia as reivindicacións de FOANPAS sobre a adscrición de centros e pide o cesamento do xefe territorial de educación

Como vén facendo dende que comezou o conflito da zonificación por mor da decisión unilateral de mudar a adscrición dos centros e institutos por parte do Xefe Territorial de Educación, César Ares, Esquerda Unida posiciónase coas ANPAS representadas en FOANPAS e esixe o seu cesamento no caso de non retirar a súa imposición.

Daniel García, Coordinador da Área de Educación de Esquerda Unida explicaba ao termo da xuntanza mantida onte con FOANPAS que “a nova zonificación é un desatino absoluto, froito do capricho persoal e do talante despótico do Xefe Territorial de Educación, que nin escoita ás familias, nin á comunidade educativa, nin ao Pleno Municipal nin ao Consello Escolar Municipal”.

Alén de que non é unha proposta apoiada por nin un actor educativo, non nace dun estudo serio, rigoroso e imparcial senón do despacho do Xefe Territorial e obviando o criterio de proximidade que apoian as asociacións das familias.

Por todo isto, a Área de Educación de Esquerda Unida pide “a retirada inmediata da nova zonificación que separa irmáns e condena a unha viaxe de 10 km tendo un IES no seu barrio” e esixe que “no caso de que o Xefe Territorial siga a actuar como un tirano, sexa cesado e substituído por alguén con capacidade de diálogo e con interese nas familias, no alumnado e no ensino público”.

Tamén anuncian a posta en marcha de “diversas iniciativas políticas no Pleno Municipal e no Parlamento de Galicia para levar as reivindicacións das familias e o mal proceder do Xefe Territorial ás máis altas instancias”.