Esquerda Unida aposta pola defensa do municipalismo como base para construír República no acto do 25 de Xullo en Mugardos

Publicado por o día 18/07/2018 na sección de Esquerda Unida,Galicia,Política

Esquerda Unida aposta pola defensa do municipalismo como base para construír República no acto do 25 de Xullo  en Mugardos

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e Carlos Portomeñe, membro da dirección de Esquerda Unida, presentaron en rolda de prensa o acto do vindeiro 25 de Xullo, que leva por título: “Defender o municipalismo rebelde para construír República” e terá lugar en Mugardos.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, explicou que “este 25 de Xullo volvemos a Mugardos para falar sobre a importancia dos municipios galegos na construción do modelo que ten Izquierda Unida de cara a creación do Estado Federal. Respecto ao goberno municipal, o que enfronta máis dificultades no día a día é o debate sobre o financiamento dos concellos, que non acompasa á descentralización do Estado e que ten que ver en como se articularon os dereitos e liberdades do Réxime do 78”.

Pola súa banda, Carlos Portomeñe, incidiu na importancia das administracións locais, “máis achegadas á cidadanía, cun papel que dende o noso proxecto de Estado Federal consideramos fundamental, por exemplo, para conseguir unha saída democrática da crise”. “Sabía moi ben o franquismo da importancia dos concellos nos procesos de cambio cando comezou a represión das persoas máis destacadas no movemento municipalista, xa que na primeira semana do golpe uns 30 alcaldes das principais localidades e cidades galegas foros asasinados”, sinalou o membro da dirección de Esquerda Unida. No marco de recuperación da memoria histórica, Portomeñe lembrou o lema acaído do Partido Comunista de Galicia (PCG) nas primeiras eleccións democráticas de 1979: “Quita un cacique e pon un alcalde”.

Por todo isto, “pese a ter moitos problemas, a día de hoxe os concellos do cambio son fundamentais para ter unha saída aos problemas da cidadanía e básicos para a contribución do cambio histórico ao proceso constituínte de República Federal democrática”.

Nesta rolda de prensa, Eva Solla lembrou outras dúas datas senlleiras no noso calendario. A primeira, o 24 de xullo, cando se cumpren 5 anos do accidente do Alvia. “A día de hoxe vemos como se seguen a obviar as responsabilidades políticas, que dende Esquerda Unida levamos reclamando, e vemos como PP e PSOE poñen trabas a estas investigacións dende o Parlamento de Galicia e despois dende o Congreso, polo que é preciso remarcar a necesidade de xustiza, verdade e reparación para as familias. Outra data é hoxe, 18 de xullo, día do golpe fascista, día onde temos que remarcar a necesidade de pular pola Memoria Histórica, que precisa cumprirse con máis orzamentos e partidas para rescatar ás persoas das cunetas. Outra das demandas é que se abra unha Comisión de Investigación de Corrupción da Casa Real. De termos un cambio de Goberno, que se mostre con feitos e non só con palabras”, remarcou.

O acto en que se conmemora o Día de Galicia terá lugar en Mugardos a partir das 12.30 horas, e contará coa participación do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, e o membro da dirección de Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, entre outros. Despois do acto político, celebraremos un xantar lúdico e popular para compartir un día de festa e reivindicación coas compañeiras e compañeiros.