Esquerda Unida aproba por unanimidade unha resolución sobre a “Unidade Popular para construír proxectos de esquerda alternativa”

Xunto coa resolución aprobada, a Coordinadora Nacional abordou o balance do traballo interno e a situación política económica e social que viven as galegas e galegos e que segue a ser de continuidade e afianzamento da precariedade en todos os eidos da vida
Publicado por o día 23/12/2017 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida aproba por unanimidade unha resolución sobre a “Unidade Popular para construír proxectos de esquerda alternativa”

A Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, máximo órgano de dirección entre asembleas, reuniuse hoxe en Compostela onde aprobou por unanimidade unha resolución sobre a “Unidade Popular para a construír proxectos de esquerda alternativa”. A resolución fai un chamado ao conxunto da esquerda alternativa e aos espazos de ruptura municipais a organizarse para artellar unha fronte rebelde contra as políticas antimunicipais.

Xunto coa resolución aprobada, a Coordinadora Nacional abordou o balance do traballo interno e a situación política económica e social que viven as galegas e galegos e que segue a ser de continuidade e afianzamento da precariedade en todos os eidos da vida.

Ademais daquelas cuestións xa habituais nas políticas do Partido Popular centradas na privatización de servizos públicos, toman especial relevancia tanto a ausencia de xestión do goberno en prevención como en xestión da vaga de lumes, e o desleixo en materia de tarificación na auga de consumo, a inoperatividade do goberno galego ante situación de contaminación por lindano que afecta especialmente ao Porriño e a continua ameaza de proxectos de explotación como a mina de Touro.

Resolución unidade popular

Desde que en Galicia e no conxunto do estado se comezaron os traballos de construción de espazos amplos e plurais da esquerda alternativa para dar combate ao proxecto de recomposición de forzas do réxime ante a crise do capitalismo, este decidiu de xeito evidente focalizar toda a súa maquinaria política, mediática e represiva sobre estes nacentes procesos que viñan a darlle contido político ás ensinanzas, e tamén erros, do 15M. Sabiamos que eses focos estaban enriba e por iso o esforzo en artellar procesos coherentes e de verdadeira alternativa política. Non foi un camiño fácil pero os medos do sistema por primeira vez estiveron presentes amosando o acertado deste camiño.

Sen embargo, diciamos que o réxime estivese en crise non significaba a derrota definitiva do neoliberalismo e, de feito, das ruinas do actual sistema as oligarquías pretenderían extraer outro baseado na explotación, os axustes económicos e a perda xeralizada de dereitos. Con este obxectivo, as forzas do sistema iniciaran un proceso deconstituínte ou contraconstituínte que converteu en papel mollado a actual constitución. Un proceso que se materializou nas diferentes contrarreformas laborais, na contarreforma do artigo 135 da Constitución, na chamada Lei Mordaza, nas políticas de axuste ou na supeditación da política de defensa aos mandatos da OTAN, entre outros.

Foron as candidaturas de unidade popular configuradas en 2015 as que abriron realmente unha fenda nese muro que o réxime apresurouse a levantar para garantir que a saída da crise fose nun marco claramente de recomposición capitalista. E foron esas candidaturas precisamente porque recoñecían unha pluralidade (espazos políticos orgánicos de esquerda, tecido social local e cidadanía) e porque consideraban parte dun espazo máis amplo de ruptura en construcción.

Coa reflexión posterior á creación de AGE, Esquerda Unida foi de xeito decidido á contrución tamén dese espazo de ruptura. Sabiamos que tiña que respectar a prexistencia de espazos partidarios e de candidaturas municipalistas afloradas en 2015. Cada espazo coa súa dinámica, nunca un supeditado ni auxiliar de outro, e colaborando fraternalmente na construción política do suxeito de transformación.

Diciamos que “a prioridade era profundizar na Unidade Popular que en Galicia leva xa tempo construíndose, e que tivo o seu máis inmediato e exitoso reflexo nos procesos de converxencia municipal que nalgúns casos acadaron os gobernos de cidades galegas como Compostela, A Coruña e Ferrol. As chamadas “mareas” constitúen, de facto, un referente estatal e internacional como exemplos de participación, de empoderamento da cidadanía, de posibilidade práctica de disputar o poder institucional ó bipartidismo, e de utilización dese poder institucional non só para a alternancia política, senón para transformar desde a alternativa”.

O documento “O municipalismo no proceso de Unidade Popular e rebelión democrática”, aprobado polo Consello Nacional o 27 de decembro de 2014, enmarcou as eleccións locais nun ciclo electoral que continuaba nos comicios xerais (2015 e 2016) e se prolongaría ate as eleccións autonómicas de 2016, e describía o momento como “unha oportunidade única para disputar a hexemonía ás oligarquías locais, para construir poder popular, para amosar na práctica outras formas de facer política e para constituír os gobernos locais nunha sorte de Xuntas Constituíntes de cara ao novo proceso que debe abrirse despois das eleccións xerais”. Ese obxectivo está hoxe máis próximo, e o papel dos procesos municipalistas de converxencia é un dos piares fundamentais no actual contexto para acadar as metas marcadas pola Unidade Popular.

O exitoso modelo das candidaturas de unidade popular nos concellos xenerou unha tentativa de réplica do modelo para outros procesos electorais pero obviando o factor principal do mesmo: o recoñecemento da súa pluralidade e a sustitución por un modelo de “partido instrumental” que non tiña nada de instrumento senón un modelo realmente partidario clásico. Para nós, o expresado no manifesto de Mazarelos sigue sendo o marco válido sobre o que recoñecer esta pluralidade.

Hoxe estamos realmente nun escenario que obriga a repensar os espazos de unidade popular construídos ante un apalancamento real dos modelos ensaiados. Non debemos esquecer que a Unidade Popular ten que disputar algo máis que votos; ten que disputar a hexemonía ao sistema nos valores, nos contidos e nas alternativas, e ser construída nun amplo proceso participativo con vocación de permanencia, non estritamente electoral, no que prima a intelixencia colectiva, o compromiso e a xenerosidade das partes que a conforman.

Defendemos unha Unidade Popular que entende o programa político e electoral como sustento ideolóxico alternativo. Un programa que, baseado na radicalidade democrática e na transformación social, exerce como nexo de unión entre a cidadanía, os procesos municipalistas de confluencia, e as organizacións políticas.

Hoxe, o escenario das eleccións municipais de 2019, obriga a definir e concretar a actuación política de EU que para nós non pode ser outra que recuperar o descrito na declaración de Mazarelos e ser quen de darlle contido as expresións de pluralidade, proposta alternativa e capacidade política. Todo dende a absoluta independencia das estruturas de partidos; deciamos en 2015 que ningunha organización política debía tutelar as candidaturas de unidade popular conqueridas para as municipais de ese ano: hoxe decimos o mesmo: ningún partido, nin orgánico nin instrumental pode tutelar aos espazos municipalistas que tanto constou constituír.

Para comezar xa a artellar candidaturas que poidan gañar cómpre iniciar un diálogo franco entre os espazos políticos que nos recoñecemos como referenciais: partidos políticos, espazos municipalistas e cidadanía organizada. Para este fin Esquerda Unida de novo porá o mellor do seu traballo e organización.

Esquerda Unida chama ás organizacións de esquerda alternativa, ao conxunto dos espazos municipalistas de ruptura, a:

1. Concretar un programa de ruptura enraizado nas propostas de municipalismo de esquerda que confronte coas políticas antimunicipais alentadas polo goberno do Partido Popular. Especialmente creando unha fronte rebelde ante os decretos económicos que lastran a autonomía e autosuficiencia financeira.

2. Recoñecer os espazos institucionais existentes: municipalistas, os grupos parlamentares de Congreso-Senado, parlamento de Galicia como espazos saídos de acordos e realidades políticas diferentes e polo tanto con caracteres singulares e que responden aos acordos políticos preexistentes.

3. Esquerda Unida promoverá como sempre ten feito, procesos internos democráticos e participativos para elexir tanto a participación ou non en espazos de confluencia así como os mellores homes e mulleres para representar o programa e proxecto de EU na unidade popular.

4. EU defenderá unha candidatura federal e plural para o proceso electoral das eleccións europeas encadrada no marco dos acordos amplos da esquerda de Galicia e do Estado.