Esquerda Unida condena o asasinato machista do Carballiño e chama á participación nas concentracións convocadas

Comunicado de Esquerda unida ante un novo caso de violencia machista en Galicia.
Publicado por o día 30/01/2017 na sección de Esquerda Unida,Política,Vigo

Esquerda Unida condena o asasinato machista do Carballiño e chama á participación nas concentracións convocadas

Unha vez máis, dende Esquerda Unida  manifestamos a nosa condena máis rotunda á violencia machista que onte cobrou unha nova vítima no Carballiño, Virginia, de 55 anos. Esquerda Unida quere trasladar todo o seu agarimo e solidariedade á familia e amizades da vítima. Tamén nesta fin de semana, en Ferrol, outra muller foi atacada pola súa parella, sobre a que tiña unha orde de afastamento, e foi agredida diante das súas catro fillas e fillos.

Estes novos casos brutais de violencia machista prodúcense días despois de que todos os grupos políticos do Parlamento de Galicia puxeran en marcha un pacto galego contra a violencia de xénero e apenas un mes despois de que dúas mulleres fosen asasinadas, da man das súas ex parellas, en Vigo e Santiago.

Dende Esquerda Unida lembramos que as vítimas mortais de agresións de xénero son só a parte visible dunha problemática complexa que se sustenta nun sistema patriarcal que temos que erradicar para acadar unha sociedade de igualdade real. Neste camiño, o feminismo é imprescindible e representa unha alternativa política global e integradora nun modelo de sociedade pola que traballamos: respectuosa, xusta e igualitaria.

É por iso que dende Esquerda Unida facemos un chamamento á participación nas concentracións convocadas contra a violencia machista para este martes, 31 de xaneiro, ás oito da tarde, nas seguintes localizacións:

-Carballiño, diante do Concello.

-Ferrol, diante da Casa do Concello.

-A Coruña, no Obelisco.

-Santiago de Compostela, na Praza 8 de Marzo.

-Vigo, no Marco.

-Lugo, diante do Concello.

-Ourense, na Castañeira.

-Pontevedra, na Praza da Peregrina.