Esquerda Unida critica o proceso escurantista da venda do Popular que consolida o oligopolio bancario en Galicia e provoca gran incerteza laboral do persoal

Esta operación fíxose dentro dun clima de tensión entre as empregadas e os empregados, que agora viven con incerteza o seu futuro laboral máis inminente e que denunciaron constante desinformación e manipulación en todo o proceso.
Por o 07/06/2017 | Sección: Esquerda Unida,Política,Vigo
Esquerda Unida critica o proceso escurantista da venda do Popular que consolida o oligopolio bancario en Galicia e provoca gran incerteza laboral do persoal
Compartir en:

Esquerda Unida manifesta o seu total rexeitamento á adquisición do Banco Popular por parte do Banco Santander, (que se fixo co 100% das accións por un euro) e que provoca que as galegas e galegos sufran as consecuencias dun forte oligopolio bancario co Banco  Santander e Abanca á cabeza. Esta operación fíxosedentro dun clima de tensión entre as empregadas e os empregados, que agora viven con  incerteza o seu futuro laboral e que denunciaron constante desinformación e manipulación en todo o proceso, polo que agora valoran emprender accións xudiciais.

Con esta compra, Galicia abócase a un nefasto oligopolio financeiro e, doutra banda, o persoal do banco, maltratado durante este tempo, teme agora as consecuencias desta nova situación. O Banco Popular ten contratadas en Galicia a máis de 1.200 persoas que dependen do futuro da entidade e que agora seguen a pular polo mantemento dos seus postos de traballo.

Dende Esquerda Unida rexeitamos toda esta operación escurantista e criticamos a conducta obscena dun Banco que decidiu no último ano desfacerse de boa parte do seu persoal. Neste senso, manifestamos tamén unha gran preocupación polos postos de traballo actuais e as condicións laborais de precarización destas persoas, que seguen moi confundidas co proceso.

Ademais subliñamos o impacto negativo que terá en Galicia, tanto para as persoas traballadoras como para a cidadanía.

Dende Esquerda Unida, tal e como denunciáramos en diferentes ocasións, volvemos agora a incidir en que todo este proceso de fusións e compras de bancos lévanos a unha oligarquía financeira cuxos intereses non está no beneficio para a maioría social, senón no lucro para uns poucos. O que tamén se acredita con esta situación é que nada se aprendeu do modelo económico partícipe da crise-estafa que padecemos e baseado na especulación, por riba do intereses das persoas.

Sobre a Fundación Barrié

Por último, as consecuencias para Galicia coa compra do Popular por parte do Grupo Santander van máis lonxe das cuestións financeiras, xa que pon en risco o futuro e o labor social desenvolvido pola histórica Fundación Barrié, dedicada á mellora das condicións económicas e sociais do noso país.

Dende Esquerda Unida lamentamos que estas operacións financeiras poñan en risco o labor social, como o diñeiro investido en becas e bolsas para o estudantado ou a liña de axudas dirixidas a favorecer accións de inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos, así como o traballo desenvolvido ao longo destas décadas e encadrado nas áreas fundamentais de Educación, Ciencia, Acción Social, Patrimonio e Cultura.

Neste senso, queda no aire que pasará co patrimonio atesourado pola Fundación en materia de coleccións artísticas, documentais, realizacións de exposicións e actividades de conservación e restauración do patrimonio, entre as que destaca a restauración do Coro pétreo da Catedral de Santiago.