Esquerda Unida cualifica de desastre o peche das escolas públicas de Moreira e Pontellas e esixe a revocación da medida

Publicado por o día 20/07/2016 na sección de Esquerda Unida,Política

O Área de Educación de Esquerda Unida da Comarca de Vigo esixe á Xunta a inmediata revocación da medida, que cualifica de “drástica, lesiva e un desastre total para o alumnado, as familias, os traballadores e as zonas afectadas“. O peche, anunciado no DOG, de dúas Escolas de Educación Infantil na nosa comarca, a EEI de Moreira (Gondomar) e a de Pontellas (O Porriño), que xunto con outros once centros públicos cesarán na súa actividade no vindeiro curso.

O ensino non pode ser medido e xestionado en termos económicos. Non é unha empresa senón un servizo público, e como tal debe dar resposta ás necesidades da cidadanía. Pechar estas escolas e facer desprazarse ao alumnado é unha medida negativa que atenta contra os intereses dos rapaces, das familias, dos mestres, dos traballadores do centro e da propia zona e que contribúe ademais a baleirar e desprezar o medio rural”, explicaba Daniel García, Coordinador da Área.

O anuncio do peche foi publicado no DOG aproveitando a pausa estival, como vén facendo a Consellaría cada verán dende hai anos. “Anuncialo en verán é unha estratexia para tentar evitar as protestas das familias, ás que alentamos e que apoiaremos activamente para esixir que a administración cumpra coas súas obrigas para con eles. Ter unha escola na zona onde viven non é un luxo senón unha necesidade de sentido común”, din dende a Área de Educación de Esquerda Unida.