Esquerda Unida cualifica os Orzamentos Xerais do Estado de regresivos e antisociais, nos que se debuxa un escenario que só enriquece á minoría

Dende Esquerda Unida denunciamos que, con estes Orzamentos, o PP impide que os gobernos municipais poidan remunicipalizar servizos para garantir os dereitos da cidadanía
Publicado por o día 06/04/2017 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida cualifica os Orzamentos Xerais do Estado de regresivos e antisociais, nos que se debuxa un escenario que só enriquece á minoría

Os Orzamentos Xerais do Estado de 2017 deixan en moi mal lugar a Galicia, xa que pasa a ter un 32% menos de investimento, sendo a segunda comunidade que máis retrocede en inversión. Segundo sinala Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea, “estes Orzamentos son regresivos, inxustos e expoñen a ideoloxía neoliberalista do PP, indo en contra de mellorar a economía do noso país”.

“É vergoñento para a cidadanía que o peso dos impostos recaia sobre os indirectos, eses que pagan exactamente igual o señor Amancio Ortega así como calquera persoa da clase traballadora da nosa sociedade”, explica Díaz. E continúa: “Estes orzamentos son claramente conservadores e antisociais. E como afecta isto a Galicia? Pois moi sinxelo: consolidando os recortes e a política neoliberal que veu aplicando o PP durante os últimos anos no camiño da precariedade, do desemprego e, en definitiva, da carencia dos dereitos para a cidadanía”, sinala.

Impiden a posibilidade legal de remunicipalizar vía empresa pública

Dende Esquerda Unida destacamos que estes Orzamentos teñen unha medida perversa que afecta directamente aos concellos que queren velar polos dereitos da veciñanza, tal e como demostra o publicado na páxina web do Ministerio de Facenda no Proxecto de Lei destes orzamentos, concretamente na disposición adicional (DA) vixésimo sétima xunto a DA 15.4.

Neste proxecto o PP está a dificultar, senón a impedir, a posibilidade legal de remunicipalizar vía empresa pública, ao atacar a soberanía dos gobernos municipais, xa que dificulta, senón impide, que poidan levar a cabo as medidas necesarias para garantir os servizos básicos, tales como a auga e a recollida de lixo.

É evidente que ao goberno do PP lle molesta que outra política, na que se garantan os dereitos laborais e os dereitos das veciñas e veciños, sexa posible. É inaceptable que o Goberno de Mariano Rajoy, fiel vasallo da Troika, prosiga as súas políticas neoliberais que atentan contra un porvir con garantías e estable.

Non hai nada que xustifique que Montoro impida dotar ás empresas públicas municipais do persoal necesario para cubrir as demandas dos servizos que se poidan remunicipalizar. Esta medida é un claro posicionamento ideolóxico do PP que deixa claro que é o público lles molesta, ao non ser un lucro para unha minoría oligarca.