Esquerda Unida culpa ao PP da aberración e insulto que supón a legalización da Memoria Fascista para o noso país

Publicado por o día 02/08/2017 na sección de Esquerda Unida,Galicia,Política

Esquerda Unida culpa ao PP da aberración e insulto que supón a legalización da Memoria Fascista para o noso país

A Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) vén de emitir, según Esquerda Unida, “sen pudor algún, un comunicado antidemocrático e fascista, no que expón unha historia irreal sobre o que foi o espolio de Meirás”.

Dende Esquerda Unida consideran unha aldraxe todo o que acontece co Pazo de Meirás e demostra que os herdeiros do franquismo entraron en democracia co pasaporte do negacionismo e da mentira, propias de quen se cre impune e inmune, pois a apoloxía franquista foi legalizada, co beneplácito do PP, para oprobio de todas as persoas que defenderon coa súa vida a legalidade democrática instaurada na Segunda República.

“É todo un insulto e unha aldraxe ter que soportar a actitude destes fascistas que ousan, por riba, a través de dito comunicado negan a realidade histórica e menten ao converter o que foi espolio e imposición en “doazón voluntaria do pobo”. O Pazo de Meirás foi roubado ao pobo e debe volver ao pobo.”

“Na actualidade, este pazo, un Ben de Interese Cultural (BIC) dende 2008, propiedade ilexítima da familia do ditador e obtido a través da extorsión, úsase para facer apoloxía da figura do máximo responsable do xenocidio acontecido na Guerra Civil”- afirman desde Esquerda Unida.

Continúan con “que unha Fundación fascista xestione o horario de visitas do Pazo de Meirás non debe de abraiarnos. O que abraia é que existan estas fundacións dedicadas a mentir, que seguen xustificando o golpe de estado franquista, a ditadura e o xenocidio. Por isto, esta democracia é unha democracia empequenecida, pois non podemos construír futuro sobre a desmemoria e o esquecemento”.

Ante iso, Esquerda Unida, no seu tempo, xa criticara as estreiteces da Lei de Memoria Histórica.

Desde Esquerda Unida afirmaron en declaracions aos medios que “Hoxe, máis que nunca, é imperativo acadar unha nova Lei que restitúa os bens que son públicos e patrimoniais ao pobo. Para Esquerda Unida, a actitude permisiva de quen nos mal gobernou cos herdeiros de Franco é a que conduce á actual situación surrealista do Pazo de Meirás.”