Esquerda Unida debate sobre “Os retos da loita LGTBI” no camiño do dereito a ser e existir

Publicado por o día 17/06/2017 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida debate sobre “Os retos da loita LGTBI” no camiño do dereito a ser e existir

O Auditorio do Espazo Matodoiro de Compostela acolleu este venres o coloquio “Os retos da loita LGTBI”, con motivo do Orgullo 2017, e organizado por Esquerda Unida Compostela. A charla foi moderada por Vanessa Angustia, senadora de En Marea, encargada de presentar ás tres relatoras, Sara Romero, activista do colectivo transexual; Charo Alises, avogada do equipo xurídico da FELGBT e a actriz Pilar Pereira.

Charo Alises sinalaba que, en 1981, en Madrid aínda detiñan á mocidade por bicarse, someténdoa a todo tipo de ultraxes. Na súa intervención procedeu a unha descrición afondada do Proxecto de Lei de Igualdade LGTBI, que todo o activismo agarda sexa admitido a trámite e se poda iniciar o traballo político para que recolla todas as demandas do colectivo.

Pola súa banda, Sara Romero lembraba que non hai que ir moi lonxe para ver actos discriminatorios: en A Coruña, esta pasada fin de semana, botaron a dúas mulleres lesbianas dun bar por bicarse. O seu relatorio centrouse na necesidade de que a lei se vexa acompañada de medidas efectivas destinadas a rematar coas discriminacións e desigualdades de todo tipo que soportan as persoas que viven nunha situación de tránsito.

Finalmente, a actriz Pilar Pereira lamentou que non existan, no teatro galego, textos que falen dunha realidade tan importante como a das mulleres lesbianas. Do mesmo xeito, incidiu nas graves discriinacións que se dan no cine só polo feito de non querer aceptar a realidade das mulleres maiores, sometidas ao esquecemento en canto cumpren os 40 anos.

Ao longo dos distintos relatorios, a senadora de En Marea, Vanessa Angustia, incidiu en que aínda queda moito camiño por percorrer, mais que os pasos dados polo activismo van na boa liña e que agora é preciso que a política sexa valente para facer isto posible.