Esquerda Unida denuncia que as políticas do binomio Vazquez – Wert colacan a Vigo en situación de alerta educativa

Publicado por o día 24/04/2014 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida denuncia que as políticas do binomio Vazquez – Wert colacan a Vigo en situación de alerta educativa

As políticas educativas da Xunta de Galicia xunto co desenvolvemento normativo da LOMCE están a provocar un alarmante descenso dos recursos educativos na comarca.

O responsable da Área de Educación de Esquerda Unida e voceiro desta materia no Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, Ramón Vázquez, compareceu hoxe en Rolda de Prensa xunto con Blanca Fernández, Secretaria de Organización da Agrupación Comarcal de EU de Vigo, para analizar a situación da educación pública na comarca de Vigo.

O deputado de AGE referiuse aos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística“nos que se reflexa unha perdida de 131 profesores nos centros públicos da comarca de Vigo entre os anos 2009 e 2013. Concellos como o de Vigo perdeu 102 mestres e mestras nestes últimos 5 anos, o Concello de Redondela perdeu 19 mestres e o concello de Porriño perdeu outros 15, entre os mais significativos. Unha redución de profesorado que no caso do persoal pagado pola Xunta nos centros privados-concertados, non so non diminuíu senón que mesmo incrementou os seus cadros en 7 efectivos”

Por outra banda Ramón Vázquez explicou que “a comarca de Vigo perdeu 110 aulas de ensino en centros públicos nos últimos 5 anos, un período no que se pecharon, nada mais e nada menos, que 7 centros de ensino públicos, 2 no Concello de Vigo, 1 en Baiona, 1 en Mos,1 en Nigrán, 1 en Porriño, e outro en Redondela. Ademais, a Conselleria de Educación vai permitir o derrubo do CEIP a Igrexa de Redondela con motivo da ampliación da AP-9, cobrando as expropiacións e deixando sen centro de ensino a 120 alumnos e alumnas, co que a comarca perderá este ano un centro de ensino mais”.

O representante de Esquerda Unida afirmou que “o recorte de recursos educativos producido na Comarca de Vigo contrasta co importante aumento de alumnado rexistrado dende o ano 2009 e que alcanza un incremento de 1.192 nenos e nenas matriculados en centros públicos da Comarca de Vigo”, engadindo que “Con mais alumnos e menos recursos, só o esforzo da comunidade educativa está garantido o mantemento da calidade do sistema educativo público”.

“Nunha Comarca como a de Vigo, onde o 62% dos fogares chega con dificultade a final de mes, hai 43.360 fogares cuxos únicos ingresos proceden de prestacións sociais e 13.469 menores sofren carencias alimentarias e viven en situación de pobreza, é imprescindible garantir un acceso a un ensino público e a uns servizos educativos complementarios que cheguen a toda a cidadanía” engadiu Ramón Vázquez, quen ademais explicou algunhas das iniciativas presentadas no Parlamento Galego para garantir dito obxectivo.

“Presentamos unha proposición non de Lei para que o goberno Galego estableza convenios de colaboración cos concellos e as AMPAS para proceder a apertura dos comedores escolares en períodos estivais, nun momento en que moitos nenos e nenas fan a súa mellor comida precisamente no seu colexio, polo que os períodos estivais son na actualidade as datas en que moitos rapaces sofren de xeito mais intenso as carencias nutricionais”.

“Presentamos unha iniciativa para o establecemento de dun sistema de préstamo universal de libros de texto diante das dificultade que teñen as familias para adquirir os libros e o material escolar, que está obrigando a comunidade educativa a organizar bancos de libros para paliar as políticas do Partido Popular”.

“Presentamos unha Proposición non de Lei solicitando a paralización da LOMCE, pois nestes momentos o Goberno Galego carece de recursos para a súa aplicación como no caso da FP Básica, carece tempo e capacidade organizativa, como no caso do novo modelo de acceso a universidade previsto para o vindeiro curso, carece de medios curriculares despois da paralización dos novos currículos de ESO e Bacharelato previstos para o curso que ven e diante da improvisación e precipitación que se está a producir”. Ramón Vázquez recordou que “o Tribunal Constitucional admitiu os 6 recursos de inconstitucionalidade presentados por diferentes organismos e entidades o que sitúa a norma nun escenario de evidentes incertidume”

“Presentamos unha Proposición non de Lei solicitando a retirada do proxecto de orde (hoxe xa lei) de elección de directores, unha norma que elimina a participación dos Consellos Escolares na elección dos máximos responsables dos centros de ensino, permitindo o nomeamento destes a dedo por parte da Administración educativa. Un ataque o funcionamento democrático dos centros educativos.” concluíu Ramón Vázquez.

PRENSA EU VIGO