Esquerda Unida denuncia que as política do PP empuxan ás/aos traballadoras/es á trampa do autoemprego

Por o 29/03/2017 | Sección: Emprego,Esquerda Unida,Política,Vigo
Esquerda Unida denuncia que as política do PP empuxan ás/aos traballadoras/es á trampa do autoemprego

Os datos da Seguridade Social confirman a consolidación dun dramático fenómeno no mercado laboral consistente na destrución de emprego, concretamente do emprego indefinido e de calidade, que é substituído polo emprego autónomo, onde o 80% das persoas, atosigadas polos baixos ingresos e impostos a pagar, só permanecen dous anos. 

 A Seguridade Social fixo públicos uns datos estremecedores: a xubilación media das/os traballadoras/es autónomos galegos é de 605,14 euros ao mes, a máis baixa de España. “Nos últimos anos, o perigo do paro segue a ser unha constante, así como o resultado dunhas políticas neoliberais que camiñan na perigosa senda de destrución de emprego de calidade. Agora, con medidas medidas impulsada polo goberno como unha tarifa de 50 euros a pagar nos seis primeiros meses de cotización, á que se acollen moitas persoas desempregadas nun primer momento, pero sen garantías de continuidade, só anticipa unhas xubilacións que rozan o umbral da pobreza”, explica Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea. 

“Ante este panorama de pensións miserentas, moitas persoas optan por adiar cada vez máis a súa idade de xubilación. Doutra banda, a xente moza, animada polas políticas de emprendemento, entra no difícil mercado de autónomos e, un 90% destas persoas mozas emprendedoras cotiza por unha base mínima. Ademais, un 80% destas persoas non supera os dous anos de actividade: toda unha farsa que xera unha precariedade laboral que abafa o futuro da clase traballadora galega”, sinala Díaz. 

“O mercado laboral galego segue a manifestar a súa problemática de fondo: a creación de novos empregos é moi irregular e traballar non é sinónimo de vivir dignamente ou de chegar a fin de mes, o que demostra que as políticas do PP están a dar o seu froito: aumentar o lucro das oligarquías financeiras e empresariais, aniquilando a estabilidade económica de moitas traballadoras e traballadores que non poden optar a un emprego de calidade e estable”, apunta a coordinadora de EU. 

Para Esquerda Unida estes datos mostran a incapacidade do modelo económico implantado polo goberno do PP á hora de garantir os dereitos laborais e sociais dunha clase traballadora cada vez máis precarizada e cun futuro de incertidume debido á drástica redución de salarios, que afecta directamente á calidade de vida das persoas.