Esquerda Unida denuncia a falta dunha política de prevención contra o lume por parte da Xunta

Publicado por o día 26/06/2017 na sección de Esquerda Unida,Galicia,Política

Esquerda Unida denuncia a falta dunha política de prevención contra o lume por parte da Xunta

O inferno vivido en Portugal, e agora en Doñana, debe servir para que o Goberno da Xunta de Galicia leve a cabo medidas tales como a elaboración dun Plan de Prevención real no estreo de tempada de incendios co fin de evitar as improvisacións e rematar coa precarización das condicións de traballo das e dos axentes forestais e medioambientais de Galicia.

As similitudes con Portugal son claras: En Galicia temos unha presenza masiva de eucaliptos, unha especie pirófita; un despoboamento do rural; un clima similar de temperaturas altas e, segundo a Consellería de Medio Rural, case toda a provincia de Lugo, Ourense, A Coruña e o interior de Pontevedra están decretadas de risco extremo de incendio.

“A Consellería de Medio Rural vén de anunciar que quedan prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais, pero isto non é un plan de prevención. A día de hoxe, Galicia non conta cun operativo antiincendios aprobado, o que deixa á improvisación o control dos lumes, que pode volverse un verdadeiro problema”, explica Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta da Mesa do Parlamento.

Ante este panorama, Esquerda Unida denuncia a falta dunha política de prevención seria no dispositivo de incendios forestais para este verán. “A política da Xunta é converter isto nun problema só de delincuencia (neglixencias, pirómanos…), cando é evidente que hai que apostar por políticas a longo prazo que revitalicen o noso rural, e así ter uns montes debidamente coidados que limiten o impacto dos lumes”, sinala Solla.

Doutra banda, o colectivo de axentes forestais e medioambientais de Galicia levan anos a denunciar a precarización do seu labor: o dispositivo contraincendios está mermado, estase a recortar en vehículos, non se cobren as xubilacións, as baixas ou as vacantes… polo que se advirte, de novo, improvisación tamén neste ano en materia de incendios.

Esta mesma semana tivo lugar unha protesta do persoal de extinción de incendios de Ourense que denuncia o desmantelamento do servizo e esixe que se cubra o cento por cento do operativo contra incendios. Así, aseguran que, a día de hoxe, na provincia de Ourense, hai máis de 80 prazas sen cubrir dun persoal total de 400 persoas. A única brigada helitransportada da base de Vilamaior, está inoperativa, sen helicóptero, mentres se segue a favorecer ás empresas privadas, contratadas desde a Consellería. Este colectivo tamén denuncia as diferenzas salariais de 3.500 euros segundo se traballan en Lugo ou Ourense.

Para que isto non ocorra, a Plataforma de Asociacións e Sindicatos de Bombeiros Forestais reclamou en Bruxelas un cambio de modelo no sistema de prevención e extinción de incendios, esixindo unha directiva europea que obrigue a recoñecer a categoría de bombeiro forestal en todos os dispositivos do Estado.

Para Solla, “estes feitos deixan en evidencia que o PP continúa na súa teima de desmantelar un servizo público, convertendo o modelo galego de prevención e extinción de incendios nun negocio a costa de degradar as condicións de traballo dos profesionais e destinando recursos millonarios a empresas privadas”, explica.

Por todo isto, dende Esquerda Unida denunciamos, a errática política do PP en materia do rural, polo que esiximos un pacto social, político e económico, e que contemple unhas plantacións de árbores autóctonas desbotando ás especies pirófitas para evitar os grandes incendios.