Esquerda Unida denuncia que o comezo do curso en Galicia segue a senda dos recortes en docentes e o deterioro na calidade do ensino público

Publicado por o día 20/09/2018 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida denuncia que o comezo do curso en Galicia segue a senda dos recortes en docentes e o deterioro na calidade do ensino público

Este inicio de curso escolar arranca dando continuidade a un grave problema de fondo, a non eliminación completa da contrarreforma da LOMCE e a non aplicación dunha lei alternativa elaborada xunto a comunidade educativa, tal e como prometera Pedro Sánchez cando era oposición. É por iso que agora continuamos na senda dos recortes e da merma da calidade educativa. Segundo datos dos sindicatos de educación, en Galicia temos case 60 aulas menos, preto de cen docentes menos e un aumento de máis de 100 prazas nas que as materias son impartidas por docentes afíns, ademais de problemas de masificación das aulas ou peches de centros nas zonas rurais.

Dende Esquerda Unida seguimos a denunciar a baixada de calidade do ensino público, onde o centro IES de Brión é un bo exemplo, coa práctica de recortes na oferta educativa e de redución de persoal, motivos que fan que nais, pais e alumnado saian estes días á rúa ante a negativa, por parte da Xunta de Galicia, de responder ante as súas demandas esixindo máis profesorado. Este recorte suporía a supresión de materias vinculadas á mellora do aprendizaxe e apoio escolar e doutras como robótica (que obtivo premios recoñecidos), o que, por unha banda, supón unha desatención do alumnado que máis o precisa e, por outra banda, manifesta o desinterese por fomentar o desenvolvemento e a innovación técnica, polo que semella que o goberno de Núñez Feijóo segue co obxectivo de destruír o ensino público en Galicia.

Dende o ano 2012, polos recortes do PP, incrementáronse as horas lectivas semanais do profesorado, que pasaron de 18 a 20 en Secundaria e de 21 a 25 en Primaria. Á súa vez, ampliouse a 10 días o prazo de substitución do profesorado en caso de baixa por enfermidade, ademais de incrementar as taxas para o alumnado universitario e limitarse as bolsas para as familias con menores rendas.

Semellantes recortes supuxeron a perda de máis de 30.000 prazas de profesorado en España e deterioraron a calidade da Educación Pública, en especial a do alumnado máis necesitado de apoio para asegurar o seu dereito a aprender e evitar o fracaso escolar.