Esquerda Unida esixe claridade á Xunta de Galicia sobre a situación do persoal ante o proxecto do novo centro sanitario Olimpia Valencia

Do mesmo xeito, o Plan contempla tamén a incorporación dalgúns novos servizos coma o de cirurxía ambulatoria, para o que, segundo Eva Solla, “non só é necesario garantir o persoal xa existente senón incrementalo, dado o previsible aumento da carga de traballo”.
Publicado por o día 14/05/2020 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida esixe claridade á Xunta de Galicia sobre a situación do persoal ante o proxecto do novo centro sanitario Olimpia Valencia

A Coordinadora Nacional da formación política, Eva Solla, reclámalle á Consellería de Sanidade que no novo centro sanitario que ocupará o espazo dos actuais xulgados se manteñan como mínimo a totalidade das prazas de persoal  dos tres centros de saúde que serán substituídos.

O pasado 5 de marzo a Xunta de Galicia publicou na Plataforma de Contratos de Galicia o procedemento para contratar a redacción do proxecto do novo centro de saúde “Olimpia Valencia” no edificio que ocupan actualmente os xulgados de Vigo.  O proxecto, baseado nun Plan Funcional elaborado desde a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, contempla o peche dos centros de saúde Nicolás Peña e López Mora, así como o peche parcial do centro de saúde de Pintor Colmeiro, cuxos pacientes asignados pasarían ao novo centro Olimpia Valencia.

“A Consellería de Sanidade debe aportar información precisa sobre o persoal sanitario co que contará o novo centro Olimpia Valencia, así coma o que quedará no Pintor Colmeiro, cun peche parcial proxectado” matiza Eva Solla, Coordinadora nacional de Esquerda Unida. “Xunto ao peche dos centros de saúde de López Mora e Nicolás Peña, suman, segundo os datos coñecidos a día de hoxe, un número maior de persoal do que se contempla para o novo centro”.

Do mesmo xeito, o Plan contempla tamén a incorporación dalgúns novos servizos coma o de cirurxía ambulatoria, para o que, segundo Eva Solla, “non só é necesario garantir o persoal xa existente senón incrementalo, dado o previsible aumento da carga de traballo”.

A agrupación local de Esquerda Unida en Vigo, tamén advirte da necesidade de coñecer con detalle o relativo ao persoal que  permanecerá no Pintor Colmeiro á vista do Plan Funcional, xa que este reflicte unha relevante redución de persoal de enfermaría e medicina en comparación co sumatorio dos profesionais actuais dos tres centros. “Pedímoslle á Conselleria de Sanidade que aclare cantos profesionais e de que categorías van permanecer no centro de saúde de Pintor Colmeiro unha vez se abra o novo centro de saúde Olimpia Valencia” engade Eva Solla.

Esquerda Unida dará traslado das súas demandas á Consellería a través das compañeiras no Parlamento Galego.

Comentar noticia

Your email address will not be published.