Esquerda Unida esixe un compromiso firme dende a Xunta e os concellos co Programa Vacacións en Paz

Publicado por o día 04/11/2017 na sección de Esquerda Unida,Galicia,Política,Vigo

Esquerda Unida esixe un compromiso firme dende a Xunta e os concellos co Programa Vacacións en Paz

Unha delegación de Esquerda Unida, encabezada pola coordinadora nacional, Eva Solla, vén de reunirse en Vigo con Sogaps (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí) e a Delegación Saharauí de Galicia para falar sobre a situación actual do pobo saharauí e as dificultades que están a ter para levar a cabo o Programa de Vacacións en Paz, un programa de acollida de menores saharauís durante os meses de verán por parte de familias galegas.

“Vimos de renovar o compromiso de Esquerda Unida con Sogaps e coa liberdade do pobo saharauí. Neste caso, na reunión tratamos o Programa de Sogaps ‘Vacacións en Paz’, que outra vez está en perigo pola falta dun compromiso firme por parte das administracións, da Xunta de Galicia e dos concellos, para sufragar dito Programa, algo que na actualidade recae boa parte nas familias e nos colectivos, o que supón un gran esforzo para eles”, explica Eva Solla.

Neste senso, para a coordinadora de Esquerda Unida, “xa é hora de que a Xunta e as administracións dean un paso adiante e se comprometan de forma firme, non cun compromiso só nominal, con este Programa”, sinalou. Doutra banda, Maite Isla, presidenta de Sogaps, fixo fincapé “na situación actual que está a vivir o Sáhara Occidental, denunciando a dura presión por parte de Marrocos respecto á poboación saharauí e os activistas de dereitos humanos que viven no Sáhara Occidental”.

Maite Isla destacou a importancia de encher o avión que sairá de Vigo este vindeiro 2 de decembro destino aos Campamentos de Refuxiados Saharauís para levar axuda humanitaria. “É preciso conseguir persoas para encher o avión e realizar a viaxe para facer realidade os proxectos que a asociación leva preparando todo o ano”, sinalou a presidenta de Sogaps. Por último, Maite Isla agradeceu a implicación de Esquerda Unida durante todos estes anos cos diferentes proxectos de Sogaps e a colaboración coa causa saharauí.