Esquerda Unida esixe deter as negociacións dos tratados TTIP, CETA e TISA

Desde a formación republicana afirman que “atentan directamente contra a soberanía popular e o futuro da sociedade”
Publicado por o día 14/10/2016 na sección de Esquerda Unida,Protestas,Vigo

Esquerda Unida esixe deter as negociacións dos tratados TTIP, CETA e TISA

Mañá, 15 de outubro, terán lugar diversas mobilizacións en toda Galicia que teñen o obxectivo de deter as negociacións sobre o TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos), CETA (Acordo Económico e Comercial Global con Canadá) e TISA (Acordo sobre o Comercio de Servizos ), tratados comerciais que negocian a Unión Europea e Estados Unidos e Canadá e que, de saír adiante, en palabras de Yolanda Díaz, “suporían a liquidación do estado de benestar, mudando o modelo económico e social da UE para que xire ao servizo das grandes empresas, rematando con importantes conquistas sociais e xerando beneficios para uns poucos”.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, Yolanda Díaz, manifesta que “estes tratados representan unha arma que supón unha chantaxe por parte da oligarquía de ambos lados do Atlántico á soberanía dos pobos”. De saír adiante o TTIP, “suporía a liquidación do benestar, xa que o tratado persegue desregular por completo os dereitos sociais, laborais, económicos e ambientais; deixando á sociedade sen ferramentas efectivas para opoñerse aos intereses das grandes empresas, provocando que sexan as grandes empresas as que condicionen ás políticas económicas dos Estados, e non ao revés”, incide.

Para Esquerda Unida o obxectivo número un da esquerda europea debe ser impedir o acordo comercial TTIP que negocian EE.UU. e a UE, pois non podemos permitir esta agresión á clase traballadora e ao futuro das nosas sociedades.