Esquerda Unida esixe a dimisión do Conselleiro de Educación polo peche de centros educativos públicos

A área de Educación de Esquerda Unida cualifica o sucedido coma un novo chanzo na política do PPdG de precarización e privatización do ensino público galego e un salto cualitativo no desprezo da Consellería pola comunidade educativa
Por o 27/06/2017 | Sección: Educación,Esquerda Unida,Galicia,Política
Esquerda Unida esixe a dimisión do Conselleiro de Educación polo peche de centros educativos públicos
Compartir en:

A área de Educación de Esquerda Unida esixiu hoxe a dimisión do titular da Consellería de Educación, Román Rodríguez, polo recente peche dos centros públicos de Outes, As Pontes, O Porriño e Ribadavia.

Esquerda Unida considera inadmisible que a Consellería informe a familias, profesorado e concellos do peche de centros educativos a véspera do último día do curso, sen mediación de diálogo de ningún tipo e como parte dunha estratexia deliberada de dificultar calquera medida de protesta e presión da comunidade educativa para impedir o peche destes centros públicos.

A área de Educación de Esquerda Unida chama a atención sobre o paradigmático do caso, xa que ao tempo que a Xunta de Galicia pecha estes centros públicos mantén en As Pontes e Ribadavia os concertos existentes. É dicir: considera innecesarios os centros públicos, pero continúa financiando os concertados, obrigando de facto ao alumnado a matricularse na educación privada-concertada.

Por todo isto, Esquerda Unida apoia a mobilización deste xoves 27 en Santiago de Compostela contra o peche de centros educativos e fai un chamamento á comunidade educativa a mobilizarse masivamente contra a política precarizadora e privatizadora do goberno da Xunta de Galicia, que remata pola destrución do ensino público no rural.

Esquerda Unida reclama que a Consellería de Educación recapacite e dea marcha atrás a unha decisión que degrada a educación pública e que ten graves consecuencias para centos de alumnos e alumnas, para as súas familias, para o persoal docente e o persoal dos servizos administrativos.