Esquerda Unida esixe do goberno galego que asuma a súa responsabilidade educativa e defenda os dereitos dos investigadores e investigadoras predoutorais

Dende a área de Educación de Esquerda Unida sinalan que a imposición de cambio da modalidade do contrato predoutoral de contrato por obras e servizos ao de prácticas faise de forma retroactiva e incumprindo o estatuto de traballadores e traballadoras.

O número de persoas afectadas en Galicia é de 324, delas 229 na USC, sendo 86 as que responden a convocatorias realizadas pola propia Xunta de Galicia.

 A área de Educación de Esquerda Unida apoia as reivindicacións dos investigadores e investigadoras predoutorais, máis de 320 en Galicia, máis de 10.000 en todo o estado, atacados nos seus dereitos laborais pola decisión unilateral do Ministerio de Empleo y Seguridad Social de alterar as condicións do contrato predoutoral. De forma simultánea, dende Esquerda Unida reclamamos que o goberno da Xunta de Galicia asuma as súas responsabilidade educativas e que traballe para solucionar esta problemática, garantindo a integridade dos dereitos laborais conculcados.

Segundo explican dende a área de Educación de Esquerda Unida, “resulta evidente que estamos ante un ataque ao Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, xa que non se poden modificar de forma unilateral e sen negociación as condicións asinadas de inicio no contrato polos investigadores e investigadoras predoutorais. Trátase dunha novación contractual unilateral e iso non se pode aceptar. Non podemos tolerar unha mudanza que prescinde do dialogo e da participación para situarse no marco da imposición”.

Por riba, tal e como denuncian, a alteración do código, que pasa do código 401 (obras e servizos) ao 420 (contrato en prácticas) representa un verdadeiro disparate, xa que as persoas que investigan baixo a modalidade predoutoral non poden asinar un contrato en prácticas, de só dous anos de duración, pois o contrato predoutoral ten unha duración de catro anos, segundo a Lei da Ciencia do 2011.

Dita Lei, no seu artigo 21, contiña a obriga de, no prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor, elaborar o Estatuto que desenvolvería a modalidade do contrato predoutoral, poñendo un pouco de orde na profusa variedade dos mesmos. No entanto, non se fixo, e o goberno central prefire atacar os dereitos dos traballadores e traballadoras.

“Se o goberno se equivocou no seu día por equiparar un contrato predoutoral, de catro anos de duración, a un contrato por obra e servizos, de tres anos de duración prorrogable por 12 meses máis, que contén, de forma explícita, a obriga de indemnización, con alusión ao artigo 15 do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, o que non pode facer, para liberar os centros contratantes -aquí repousa en primeira instancia a resposta de connivencia co goberno que deu a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas- de facer fronte a unha indemnización que pode chegar aos 2.050 €, segundo expertos en dereito laboral, é atacar os dereitos laborais dos investigadores e investigadoras predoutorais”, sinalan dende a Área.

O dereito á información veraz e á seguridade xurídica vense atacados, ademais de que pon en perigo o acceso ao mercado laboral tal como denuncian os sindicatos. Os propios sindicatos non se fían da ‘normalidade’ que quere transmitir a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, pois existe o temor a que non sexa só unha mera “medida operativa”. Que a mudanza ten consecuencias demóstrao o feito de que un investigador predoutoral non puido obter a tarxeta sanitaria europea por ter un contrato en prácticas.

Esta problemática non pode pasar desapercibida para a Xunta de Galicia e debe implicarse na tarefa de solventala e exercer de interlocutor dos investigadores e investigadoras predoutorais ante o goberno central e defender os seus dereitos.

Estamos ante unha novación contractual unilateral, unha clara vulneración do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, que conculca dereitos fundamentais como son o dereito á información e á seguridade xurídica. Son 324 as persoas afectadas en Galicia, delas 229 na USC, sendo 86 as que responden a convocatorias realizadas pola propia Xunta de Galicia.

Desde Esquerda Unida, agardamos que a Xunta de Galicia exerza de goberno responsable e asuma a defensa dos investigadores e investigadoras predoutorais, ao mesmo tempo que garanta que non se reproduzan ataques do mesmo tipo, e que traballe para que se dea cumprimento á Lei da Ciencia do 2011, elaborando un Estatuto que desenvolva a modalidade contractual dos contratos predoutorais.

Noticias de última hora en Vigo

educacionesquerda unida

SIGUENOS EN TELEGRAM