Esquerda Unida fai un chamamento á participación na concentración en defensa dos postos de traballo de Médicos Sen Fronteiras

Por o 27/06/2017 | Sección: Esquerda Unida,Política,Protestas
Esquerda Unida fai un chamamento á participación na concentración en defensa dos postos de traballo de Médicos Sen Fronteiras

Esquerda Unida fai un chamamento á participación e súmase á concentración a prol da defensa dos postos de traballo do persoal de Galicia de Médicos Sen Fronteiras (MSF), que terá lugar hoxe 27 de xuño ás 19h. diante da sede de MSF (R/Vilar 11, Compostela). As traballadoras e traballadores que se dedican á captación de persoas socias destas entidades viven unhas condicións laborais marcadas pola precariedade, a inestabilidade e a temporalidade.

Dentro deste modus operandi, o caso máis paradigmático é o de MSF, que comunicou aos seus traballadores e traballadoras que fará efectiva a partir de xullo a cláusula de “obxectivos” e que os sindicatos entenden como abusiva, xa que fai efectiva a posibilidade de despedir, mediante a fórmula de despido disciplinario, ata o 80% do seu persoal. Esta cláusula está á espera dunha resolución xudicial por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que determinará se é, ou non, legal.

Dende Esquerda Unida entendemos que é fundamental continuar a saír á rúa a prol da defensa dos postos de traballo do persoal de MSF e na denuncia desta precariedade laboral que soportan, na súa maioría, mozas e mozos forzadas a chegar ata uns obxectivos que, de non conseguir por inalcanzables, rematan por ser despedidos, polo que en moitos casos acaban por facer horas a maiores e traballar cunha enorme presión no seu día a día.

Por todo isto, dende Esquerda Unida chamamos á mobilización e solidariedade con este colectivo agredido e esiximos a eliminación destas prácticas totalmente abusivas, na loita contra a precariedade da clase traballadora, que sufre a crise de primeira man e non pode vivir con dignidade ou ter un proxecto de vida no país.