Esquerda Unida fai un chamamento á participación na mobilización das Marchas da Dignidade en defensa das pensións

A mobilización será en dúas columnas e sairá o vindeiro sábado 25 de febreiro, ás 12 horas, unha delas dende a Praza da Leña e outra dende o Pazo da Ópera, ata atoparse na Praza de Ourense, rematando conxuntamente en Méndez Núñez, onde terá lugar o acto final en defensa das pensións públicas.
Publicado por o día 21/02/2017 na sección de Esquerda Unida,Política,Vigo

Esquerda Unida fai un chamamento á participación na mobilización das Marchas da Dignidade en defensa das pensións

Esquerda Unida fai un chamamento á participación e súmase á manifestación a nivel estatal convocada polas Marchas da Dignidade, que en Galicia terá lugar en A Coruña. A mobilización será en dúas columnas e sairá o vindeiro sábado 25 de febreiro, ás 12 horas, unha delas dende a Praza da Leña e outra dende o Pazo da Ópera, ata atoparse na Praza de Ourense, rematando conxuntamente en Méndez Núñez, onde terá lugar o acto final en defensa das pensións públicas.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) informa de que case un 25 por cento de galegos e galegas son maiores de 65 anos, o que coloca a Galicia como a segunda comunidade máis envellecida de España, cunha esperanza media de vida de 82 anos, só superada por Asturias. Os dramáticos datos relativos ás pensións  evidencian que a política do goberno de Feijóo en materia económica fai que as condicións de vida empeoren para a maioría social.

En Galicia, a preocupante situación das e dos pensionistas se ve reflectida no informe “O estado da pobreza en Galicia 2016”, da EAPN, onde os últimos datos oficiais son alarmantes: o 62,9 % dos ingresos que reciben os xubilados de Galicia atópanse por baixo do limiar da pobreza, unha situación que afecta a día de hoxe a 473.985 persoas e, máis especialmente, á situación das persoas viúvas ou as persoas que viven soas.

É por iso que dende Esquerda Unida denunciamos a degradación calculada dos dereitos sociais, a demolición progresiva dos servizos públicos, e os recortes do goberno de Núñez Feijóo, que veñen a engadirse ás baixas pensións que percibe a maioría do colectivo, o que debuxa un preocupante perfil de pobreza, precariedade e vulnerabilidade dos e das pensionistas, vinculada a unha estratexia para favorecer ás pensións privadas, favorecendo o lucro do sector bancario.

Por todo isto, dende Esquerda Unida reiteramos que esta situación de pobreza que afecta á maioría social pode reverterse e que, dende as rúas, podemos facer destas loitas unha ferramenta para mudar a realidade do país. É por iso que chamamos á participación activa na mobilización das Marchas da Dignidade a prol da recuperación dos nosos dereitos máis fundamentais.