Esquerda Unida fai un chamamento á participación na mobilización a favor da decisión de Juana Rivas de non entregar aos seus fillos a un pai maltratador

A mobilización unitaria terá lugar o vindeiro sábado 9 de setembro, ás 19 horas, en oito cidades galegas: A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribeira e Vigo.
Publicado por o día 08/09/2017 na sección de Esquerda Unida,Galicia,Política,Protestas

Esquerda Unida fai un chamamento á participación na mobilización a favor da decisión de Juana Rivas de non entregar aos seus fillos a un pai maltratador

Esquerda Unida fai un chamamento á participación e súmase á manifestación impulsada por plataformas e organizacións feministas de todo o Estado para amosar o seu apoio a Juana Rivas, que incumpriu en agosto a orde de entregar aos seus fillos ao pai, por medo a que os menores sufriran algún dano.

Dende Esquerda Unida sumámonos a este acto para apoiar a Juana Rivas, así como a calquera vítima de violencia machista que, como neste caso, teña a obriga de entregar as súas fillas ou fillos a un pai maltratador e, por non facelo, pode ser condenada por un delito de retención ilícita de menores. O de Juana Rivas non é un caso illado. Moitas mulleres optan por incumprir o réxime pola seguridade das súas fillas ou fillos e acaban sendo condenadas, algo inconcibible nun estado de dereito que di protexer aos menores.

Segundo explica Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, “o sistema actual non protexe ás vítimas de violencia de xénero e, o que é máis grave, non protexe os menores e os seus dereitos fundamentais. Tamén hai que reflexionar sobre a falta de medios, o que pon en entredito o Pacto de Estado contra a violencia de xénero”. A esta situación temos que sumar a violencia institucional que se exerce contra as mulleres a través dos recortes orzamentario ou a imposición de medidas como custodias compartidas baixo o falso consenso das partes.

Solla tamén fai fincapé na mala decisión de non substituír ao Xuíz Titular dun dos dous únicos xulgados especializados en violencia machista de Galicia, en A Coruña (o outro está en Vigo). “En Compostela, o fiscal denunciaba a ausencia de recursos e o estado das instalacións, tal e como temos trasladado en múltiples ocasións á opinión pública, sin que o Goberno faga absolutamente nada para remediar esta situación”.

Por último, a coordinadora nacional de Esquerda Unida sinala que é “moi relevante modificar a Lei de Violencia de Xénero do Estado e, tanto en Galicia como no conxunto do Estado, dotar de recursos suficientes para a xustiza e para a prevención e protección de vítimas, incluíndo os menores implicados”.

Por todo isto, dende Esquerda Unida sairemos este sábado ás rúas a esixir unhas institucións libres de machismo, así como unha protección para as e os menores (ou fillas/os) de vítimas de violencia de xénero. É por iso que chamamos á participación activa na mobilización deste sábado. Todas somos Juana Rivas.