Esquerda Unida insta ao pleno municipal a non premiar como “Vigueses distinguidos” aos centros educativos segragadores propostos polo PP

Publicado por o día 22/03/2017 na sección de Esquerda Unida,Política,Vigo

Esquerda Unida insta ao pleno municipal a non premiar como “Vigueses distinguidos” aos centros educativos segragadores propostos polo PP

Ante a proposta do Partido Popular de conceder o galardón de “Vigueses Distinguidos” aos centros de estudo Montecastelo e Las Acacias, e ante o máis que probable apoio do PSOE, a Área de Educación de Esquerda Unida empraza aos grupos a reconsiderala e non apoiala, como xa anunciou que fará a Marea de Vigo.

A Área de Educación de Esquerda Unida considera que nunha crise que o PP usou de escusa para impoñer recortes e empeorar deliberadamente os servizos públicos como o ensino, causa rubor que agora queiran premiar a dous centros de ensino elitistas, privados e que ademais segregan ao alumnado por sexo, como facía o franquismo.

“No século XXI a segregación sexual é totalmente inaceptable, pois a escola debe garantir a coeducación para avanzar en materia de igualdade entre homes e mulleres, paso previo para rematar coa lacra da violencia machista”, expresaba Daniel García, Coordinador da Área de Educación. Alén diso, a organización recrimina “premiar co máximo galardón local a dúas empresas sen máis relación coa cidade de Vigo que a de facer negocio cos seus rapaces a costa de ofrecer unha educación relixiosa, sexista e elitista”.

“Entendemos que o PP está cómodo co ensino privado pola súa liña relixiosa e ideolóxica, posto que conciben o ensino como un gasto, pero en Esquerda Unida reivindicamos o ensino público como un investimento porque é de todos/as e para todos/as, é un dereito e non un negocio como consideran as empresas propostas”, sentenciaba o Coordinador da Área. Así, animan aos grupos municipais a rexeitar a proposta do PP e a considerar a opción de galardoar a algunha institución educativa pública, que teña demostrado unha traxectoria de compromiso e entrega real co ensino público, coa cidade e cos habitantes de Vigo.