Esquerda Unida insta á CE a investigar a presunta malversación de diñeiro na xestión de fondos europeos por persoas vinculadas ao PP de Ourense

Publicado por o día 03/05/2017 na sección de Esquerda Unida,Galicia,Ourense,Política,Vigo

Esquerda Unida insta á CE a investigar a presunta malversación de diñeiro na xestión de fondos europeos por persoas vinculadas ao PP de Ourense

Esquerda Unida, da man da eurodeputada  de IU, Marina Albiol, preguntará á Comisión Europea (CE) se vai levar a cabo medidas para investigar a presunta malversación de diñeiro público investido en proxectos financiados con fondos Leader en Ourense e se a CE vai contactar co Goberno español para esixir explicacións sobre estas irregularidades vinculadas á construción dunha planta de biomasa e cinco obradoiros de artesanía en Arnoia, proxectos que estaban baixo a planificación e xestión de Rogelio Martínez González, home de confianza de Alberto Núñez Feijóo e o entón alcalde desta localidade.

Foi no mes de abril cando o xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadavia (Ourense) ordenou a apertura de xuízo oral contra Rogelio Martínez González, así como dunha decena de técnicos e particulares vinculadas ao Partido Popular que presuntamente executaron unha trama corrupta para obter diñeiro público de fondos europeos. Martínez González era, daquela,o presidente do Grupo de Acción Local CEIVAM, encargado da xestión dos fondos Leader na comarca.

Ante a posibilidade de estar “diante dun patrón xeneralizado” de modelo de conducta, Marina Albiol preguntará á Comisión se “ten constancia das irregularidades cometidas no proceso de concesión de fondos e execución dos proxectos aos que lles asignaron os fondos Leader”. Ademais, a eurodeputada de IU incidirá en “que mecanismos ten a Comisión Europea para o control e seguimento sobre a concesión, execución e posterior funcionamento de infraestruturas construídas con fondos europeos e se foron activados para o caso citado”.

Dende Esquerda Unida consideran que a Comisión Europea debería ter formas de control eficientes para asegurar que o diñeiro público da cidadanía non vai parar a petos privados, unha práctica corrupta que parece responder ao modus operandi do PP, partido envolto en casos de corrupcións cos que se aprecia que segue a antepoñer o lucro de particulares ao ben común.