Esquerda Unida pide á Xunta celeridade para tramitar os máis de 25M de euros transferidos polo goberno central para axudas en materia de vivenda

Publicado por o día 22/05/2020 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida pide á Xunta celeridade para tramitar os máis de 25M de euros transferidos polo goberno central para axudas en materia de vivenda

Esquerda Unida lembra que os 20 millóns de euros do Plan Estatal de Vivenda 2018-2020 e o fondo adicional de 5,4 millóns de euros teñen que estar xa a disposición dos galegos e galegas afectados por situacións de vulnerabilidade social e habitacional.

Esquerda Unida considera que o adianto dos recursos ten que levar parello a actuación inmediata da Xunta, quen é perceptora nas súas contas bancarias destes importes xa dende hai máis dunha semana.

Desde o inicio da crise da COVID 19 “os centos de consultas realizadas por cidadáns sobre axudas para alugueiros e situacións análogas eran contestadas dende os servizos sociais autonómicos que afirmaban que non existían aínda dotacións para estes programas”, sinala Eva Solla “agora non hai escusa a Xunta só ten que decidir o formato que aplica, se é sobre os programas existentes como o Reconduce o con outros mecanismos”.

O Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana deu traslado aos fondos “para contribuír a facer efectivas as medidas aprobadas polo Real Decreto-lei do 11/2020 e as Ordes Ministeriais TMA/336/2020 e TMA/378/2020”, todas elas ditadas como sinala o goberno “para brindar especial protección do dereito á vivenda, nun contexto de incertidume”.

Este mecanismo permite que a Xunta teña flexibilidade para decidir o importe a destinar a cada programa de axudas, desde os programas de axudas directas a vítimas da violencia de xénero, persoas en risco de desafiuzamento, persoas sen fogar e especialmente vulnerables e programas para “minimizar” o impacto económico e social da COVID 19 nos alugueiros de vivenda habitual.

A estas medidas, únese o programa de liña de avais á conta do estado da financiación de arrendamentos para persoas en situación de vulnerabilidade social mediante axudas transitorias de financiación en forma de préstamos sen gastos nin intereses que xa están a formalizarse nas entidades bancarias. Este programa debe ser complementario do uso destes 25,4 millóns de euros que, transferidos á administración autonómica, deben ser a opción prioritaria da acción sociocomunitaria da Xunta, que ten que determinar de xeito urxente os supostos de vulnerabilidade económica e social xerada pola COVID-19 para que estas axudas sexan tramitadas antes do 30 de setembro de 2020.

Esquerda Unida lembra que a importancia destas axudas, que poderán chegar a un importe máximo de 900 euros ao mes e prorrogables por un máximo de 6 meses, xa poden conter as mensualidades dos alugueiros do mes de abril polo que a “celeridade na súa tramitación pola Xunta de Galicia é evidente”. O propio decreto permite aplicar con flexibilidade e adaptación a realidade galega das contías e das tipoloxías de vulnerabilidade dos solicitantes e lembra que “son compatibles con calquera outras axudas de alugueiro que xa se estean a percibir”.

Esquerda Unida reclama tamén que se teña en conta que os programas permiten “a ampliación dos parques públicos de vivenda orientados ao alugueiro para persoas en vulnerabilidade social” polo que perfectamente pode ser factible a extensión desta tipoloxía de vivendas hoxe en día escasa e case inexistentes en cidades por exemplo como Vigo ou A Coruña pese ao número de solicitantes desta tipoloxía de vivenda de protección nos rexistros do IGVS.

Comentar noticia

Your email address will not be published.