Esquerda Unida presenta o seu Manifesto polo 14 de Abril, Día da República

Por o 13/04/2017 | Sección: Esquerda Unida,Política,Vigo
Esquerda Unida presenta o seu Manifesto polo 14 de Abril, Día da República

14 DE ABRIL: DÍA DA REPÚBLICA

A REPÚBLICA QUERE SAÍR DAS PEDRAS E VIVIR NA ACCIÓN POLÍTICA COTIÁ

Non é só unha efemérede. Non. Hai datas que se erguen, debido á súa trascendencia, por riba da data que marca a celebración do calendario. Datas que son algo máis ca un motivo para a nostalxia evocadora. Algo máis ca unha convocatoria, bandeira en man, ao pé dunha lápida ou placa conmemorativa.

O 14 de abril non é só unha efémérede. A Segunda República non pode morrer na reclusión dunha memoria pétrea e sacralizada. A rememoración debe significar o recoñecemento da vixencia dos seus valores e experiencias. Recoñecermos mesmo os erros e aprender deles. A rememoración da Segunda República significa re-vivir, volver a vivir; por iso, a súa memoria, a nosa memoria non pode ser só unha xustificación para o compadecemento. Non. A historia constrúese e debe ofrecer esperanza e futuro. Por iso a República vai máis aló do ano 1931. Máis aló da fatídica data daquel verán de 1939.

Mais, hoxe, cómpre denunciar as actitudes hipócritas. O 14 de abril veremos como saen da toupeira persoas que viven da sacralización da República e que non dubidarán en facerse algunha foto e divulgala a través das redes sociais. Xestos para a galería que perden todo valor, xa que mesmo non deixaremos de ver a quen xogue coa República coma un vampiro: son os fillos daqueles que a dinamitaron con sangue.

Por iso dicimos con firmeza que a defensa da República precisa de moita valentía. Si, de valentía, para non morrer no caixón do esquecemento, na retina da banalización ou, peor aínda, na resignación dos imposibles. Ignora quen silencia que, deste xeito,  contribúen a derrotar por segunda vez ás persoas que aínda viven e son portavoces dos valores republicanos e que seguen exercendo a súa loita nos movementos de contestación en contra dun sistema que non os representa. Ao silenciar deixan sen o recoñecemento e a debida xustiza ás persoas que morreron asasinadas pola ditadura franquista.

A República debe defenderse con ética e honestidade. Como debe ser en toda esquerda rupturista e transformadora digna dese nome. A defensa dos dereitos da clase traballadora, a loita contra a explotación e a desigualdade, a procura da emancipación  debe ser o pasaporte que conforma a identidade de quen vive a res publica coas súas accións cotiás. Non pode ser que o 15 de abril se decida caer baixo as redes conxunturais e interesadas do posibilismo e do mero rendibilismo electoral e deixar no caixón do silencio a idea da República. E así ata que a liturxia do 14 de abril volva a convocarnos. Non. Denunciamos esas prácticas.

Cómpre valentía e dicir que non queremos un novo sartego para a República. Cómpre rachar coa falacia do “non é o momento” para facer pedagoxía e avanzarmos na realización dun referendo en que se someta a cuestionamento o modelo de estado e de goberno.

É posible ser de esquerdas baixo o paraugas imposto dunha monarquía? Nós dicimos que si, sempre e cando se faga da loita pola chegada da Terceira República un dos alicerces ideolóxicos do traballo político. Se renunciamos a este campo ideolóxico de batalla, nada merecemos. Caemos na mera especulación electoral en nome dun feixe de votos desideoloxizados e tan inestables como esta absurda modernidade líquida. E, peor aínda, reducimos a cinza morna a memoria republicana, a nosa memoria. E iso, en nome dos votos, é, sinxelamente, inaceptable.

A batalla pola hexemonía xógase na praza da cultura. Aí na ágora, na praza de todos e todas, é onde temos que argumentar e facer pedagoxía. Repetimos, a República lóitase todos os días a través de accións políticas concretas. E debe facerse desde a esquerda. O ditador Franco sabía moi ben que para crear a súa España tiña que extirpar o cancro da República porque era un “axente que envelenaba as mentes das persoas”. Franco sabíao, ser republicano era ser de esquerdas. Hoxe, cando son evidentes os riscos do capitalismo neoliberal posmoderno e líquido, a asociación entre esquerda e República é máis necesaria que nunca. Desde o convencemento de que é posible, e necesario, loitemos pola Terceira República.