Esquerda Unida propón a apertura dos comedores escolares da bisbarra de Vigo durante vacacions estivais

Publicado por o día 10/06/2014 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida propón a apertura dos comedores escolares da bisbarra de Vigo durante vacacions estivais

EU apoia a xornada de protesta contra o decreto de comedores convocada por FOANPAS este sábado 14 de xuño

A Agrupación Comarcal de Vigo de Esquerda Unida manifestouse hoxe a favor da apertura dos comedores escolares na bisbarra de Vigo no periodo das vacacións estivais. A agrupación de EU Vigo faise eco sí da iniciativa presentada neste curso por Alternativa Galega de Esquerda (Anova-EU) no Parlamento Galego, unha proposición non de lei instando á Xunta de Galicia a proceder á apertura, durante os períodos vacacionais, dos comedores escolares que sexan necesarios de xeito que se eviten os problemas de malnutrición presentes na infancia galega e que poñen de manifesto os propios datos estadísticos da Xunta: a existencia de máis de 93.000 familias galegas con todos os seus membros en paro, 33.000 familias sen ningún tipo de ingreso, o 23% da población en situación de pobreza e 120.000 persoas en situación de pobreza severa.

Así mesmo, a Agrupación Comarcal de EU manifestou hoxe o seu total apoio á xornada de protesta convocada este sábado 14 de xuño por FOANPAS en contra do Decreto de Comedores da Xunta que supón un brutal incremento da poboación sometida ao copago por este servizo, así como das cantidades cobradas pola Xunta ás familias. A mobilización consistirá nun xantar familiar das 13:00 ás 16:00 hs diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia na Praza da Estrela. EU anima á comunidade escolar a participar masivamente nesta mobilización.

PRENSA EU VIGO