Nos meses de novembro e decembro de 2020 a Xunta de Galicia publicou diversas axudas ao sector da hostalería en relación ao cese e modificación da actividade causada polas restricións de Covid-19. Desde o principio da pandemia Esquerda Unida leva reclamando axudas tanto para a hostalería coma para o pequeno comercio que complementen ás Estatais e sirvan para paliar, polo menos parcialmente, as graves dificultades que atravesa o sector.
Nese sentido, Esquerda Unida, xa valorou que as tardías axudas emitidas pola Xunta son insuficientes para paliar o progresivo peche de negocios, sobre todo nos casos das pequenas empresas.
Máis alá desta situación, Esquerda Unida entende que a Xunta de Galicia non debera abandonar os criterios de loita contra a explotación sexual en calquera das súas actuacións e pon de manifesto que en ningunha das axudas públicas ofertadas se atende á necesidade de limitar o acceso dos prostíbulos ás mesmas.
Desde a Área de Muller de Esquerda Unida lémbrase que unha parte dos locais onde se prostitúe a mulleres, a maioría, vítimas de trata, posúen licenzas de hostalería e, polo tanto, de non existir ningunha medida encamiñada a evitar que estes accedan a solicitar as mesmas, os cartos públicos poderían rematar en mans de proxenetas.
Raquel Bernárdez, coordinadora da Área de Muller traslada que “a Xunta debe incluír nas ordes de axudas á hostalería a exclusión dos prostíbulos coma preceptores destas axudas. Debe quedar explicitado e supor que se facilitará inspección para facer que se cumpra. Non queremos, que as axudas públicas poidan servir para fomentar o tráfico e explotación de mulleres.”
Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida engade que “non só sería terrible desde o punto de vista dos dereitos das mulleres que axudas públicas puidesen ser cobradas por proxenetas, se non que a pequena hostalería o está a pasar fatal nesta crise e hai que garantir que todas as axudas rematan servindo para manter o emprego neste sector e non en negocios que non enriquecen os nosos barrios e vilas.”
Esquerda Unida xa reclamou no mes de agosto que a Xunta actuase pechando estes locais, xa que as normas autonómicas permitían mantelos abertos pese ás restricións para o resto de negocios. Agora, Esquerda Unida agarda que a Xunta, a través da Consellería de Emprego e Igualdade faga algo para evitar o que podería supor financiar a explotación sexual de mulleres.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.