Esquerda Unida recorda que detrás de cada feminicidio hai un sistema patriarcal

Chama á participación nas concentracións contra a violencia machista do martes 20D
Publicado por o día 19/12/2016 na sección de Esquerda Unida,Política,Vigo

Esquerda Unida recorda que detrás de cada feminicidio hai un sistema patriarcal

Dende Esquerda Unida temos que manifestar, unha vez máis, a nosa condena máis rotunda á violencia machista que cobrouse esta fin de semana dúas vítimas en Galicia, unha en Compostela e outra en Vigo. Neste senso, Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e vicepresidenta segunda do Parlamento por En Marea, traslada a súa solidariedade coas familias e amizades da vítima, á vez que recorda que “dende os poderes públicos se ten que loitar de forma prioritaria e de maneira real coa violencia machista que, en pleno século XXI, segue a ser usada como mecanismo de control e dominación da muller”.

As vítimas mortais de agresións de xénero son só a parte visible dunha problemática con raíces moi fondas e “detrás de cada feminicidio hai todo un sistema patriarcal”. “Piropos, cousificación, medo a transitar soas pola rúa, fenda salarial, fenda das pensións, feminización da pobreza, colexios que segregan por xénero, ausencia de educación afectivo-sexual, sesgo de xénero na atención sanitaria e na investigación: “ti non sabes diso“, ser xulgadas polo aspecto e pola idade na política, no sindicalismo e no traballo… son exemplo de actitudes que impregnan as nosas vidas e as que temos que erradicar para acadar unha sociedade de igualdade real, destinando así esforzos e orzamentos suficientes”, explica Solla.

Para Esquerda Unida o feminismo é imprescindible e representa unha alternativa política global e integradora nun modelo de sociedade pola que traballamos: respectuosa, xusta e igualitaria.

É por iso que facemos un chamamento á participación nas concentracións convocadas contra a violencia machista para este martes, ás oito da tarde, nas seguintes localizacións:

-A Coruña, ás 20:00 no Obelisco.

-Santiago de Compostela, ás 20:00 na Praza 8 de Marzo.

-Ferrol, ás 20:00 diante da Casa do Concello.

-Vigo, ás 20:00 no Marco.

-Lugo, ás 20.00 diante do Concello.

-Ourense, ás 20:00 na Castañeira.

-Pontevedra, ás 20:00 na Audiencia Provincial.

-Vilagarcía, ás 20:00 na Praza de Galicia.