Esquerda Unida reivindica un trato máis digno para o tecido investigador no noso país no Día Mundial da Terra

Por o 22/04/2017 | Sección: Esquerda Unida,Vigo
Esquerda Unida reivindica un trato máis digno para o tecido investigador no noso país no Día Mundial da Terra

Este sábado 22 de abril, coincidindo co Día Mundial da Terra, a Ciencia mobilízase para a ser visibilizada e para defender a súa dignidade. No Estado español foron convocadas diversas marchas (Barcelona, Girona, Granada, Madrid, Sevilla, Valladolid…), sendo en todo o mundo máis de 500 as convocadas en defensa da Ciencia.

A área de Educación de Esquerda Unida solidarízase e apoia esta protesta global. Sobran as razóns para facelo. É inaceptable que un país non entenda que un tecido investigador forte é a mellor garantía de desenvolvemento do mesmo. A Ciencia é esencial para o afortalamento dunha sociedade asentada nos principios da sustentabilidade e da ecoloxía social. A Ciencia entendida, loxicamente, coma un ben público para beneficio de toda a comunidade.

Mais, pola contra, asistimos a un constante ataque a este ben público. Vemos como o colectivo de investigadores está sometido a unha abafo sistemático que se leva por diante a súa estabilidade. A precariedade estase convertendo en estrutural no persoal investigador. Precariedade que vén da man dunha política financeira incorrecta. Isto é manifesto no caso do sistema universitario galego.

Mentres asistamos a unha loita cainita por uns recursos escasos, e mentres non se entenda que a financiación estrutural debe ser garantía da autonomía universitaria e dun sistema investigador forte, estable, de calidade e fondamente público, veremos como se compite e como se privatizan os beneficios da investigación pública e como, ao mesmo tempo, se degrada e precariza, aínda máis, a situación xa empobrecida do noso sistema investigador. No ano 2015 era un 40 por cento menos para proxectos de investigación.

Cómpre lembrar que Galicia está no nivel máis baixo desde o 2004 en financiación de I+D+i, e que no noso sistema, curiosamente, as empresas son as que saen máis beneficiadas da financiación pública, mentres que Galicia está en cola na formación de empresarios, produtividade e emprego, sobre todo en todo o que se refire ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Un terrible paradoxo que amosa como o capital sempre procura zugar o diñeiro público e os seus recursos para beneficio seu.

Nas nosas universidades hai brillante persoal investigador que sobrevive ao límite, con salarios de pobreza, nun ambiente que os despreza e usa como man de obra, xa non barata, senón escrava. Hainos que recorren á caridade para poder levar a cabo as súas investigacións porque as administracións públicas ignoran a súa financiación estable.

Non existe interese real en poñer en marcha políticas públicas de desenvolvemento asentadas na investigación. Esta combinación de incapacidade e cegueira voluntaria provocou que se trunque o avance científico, con terribles consecuencias para o benestar social.
Por iso, dende a área de Educación de Esquerda Unida sabemos que é moi importante que todas as persoas, como cidadás, tomemos conciencia da gran importancia da investigación científica de base e como repercute na nosa calidade de vida. Por iso, pedimos que as administracións públicas se impliquen de maneira real en impulsar a investigación como motor de coñecemento e progreso.