Esquerda Unida remata a campaña contra as reválidas da LOMCE

A campaña emprendeuna hai unhas semanas e na que organizou charlas e repartos de dípticos
Publicado por o día 24/05/2016 na sección de Esquerda Unida,Política,Vigo

Esquerda Unida remata a campaña contra as reválidas da LOMCE

A Área de Educación de Esquerda Unida leva semanas informando ás familias e á cidadanía dos efectos nocivos das reválidas que este año se fixeron en 3º e en 6º de Primaria.

Así, a través de comunicados e unha rolda de prensa dos Deputados de AGE, a formación manifestou explicitamente o seu apoio á campaña de boicot das ANPA viguesas, que animaban ás familias a non levar ao alumnado ao colexio os días das reválidas por seren unhas probas inxustas, inútiles e que menosprezan a labor docente e o esforzo dos rapaces, que se xogan todo nun exame.

A campaña de EU organizou unha charla-coloquio en Vigo o día 3 de maio na que deu a coñecer a postura de rexeitamento de toda a comunidade educativa. Así, o Deputado Ramón Vázquez explicou a postura de EU, Verísimo Pazos, de CCOO, centrouse nas complicacións que supón para o profesorado e o menosprezo á súa labor avaliativa, Bertila Fernández, de FOANPAS, fixou a postura crítica das ANPAS porque ven como a Xunta recorta en profesorado e investimentos e vende as reválidas como unha aposta pola calidade educativa, e tamén con Rosa Pascual, da Marea Verde, que animou a volver tomar as rúas e protestar contra os recortes.

Outra acción que desenvolveu EU foi o reparto de información ás familias nas portas de diferentes centros educativos de Vigo con dípticos que explicaban o seu rexeitamento ás probas e animaban ás familias a non asistir ás reválidas. “É a parte máis negativa da LOMCE, que igual que esta, tamén foi implantada sen consenso e ás carreiras. Desprezan a labor avaliativa e docente que fan os profesores e profesoras e establece un sistema competitivo semellante á selectividade, puramente mecánico e que non ten en conta a traxectoria e o esforzo do alumno. É como voltar ao ensino predemocrático”, calificaba Roi Rodríguez, Coordinador da Área de Educación de Esquerda Unida.

Unha vez pasadas as reválidas, Esquerda Unida felicita ás familias pola súa postura valente e combativa contra unhas probas antipedagóxicas e estresantes, e agradece ás Asociacións de Nais e Pais implicadas o esforzo que realizaron para lanzar luz sobre as mentiras da Xunta. Os datos de non participación, que segundo FOANPAS alcanzan o 85%, supoñen un éxito rotundo da cidadanía e unha derrota da Consellaría, máis preocupada en cumprir o que lle ditan dende Génova que en resolver os problemas do ensino.

O díptico que entregaron na campaña.
O díptico que entregaron na campaña.