Esquerda Unida repulsa os feminicidios de Valga e chama á participación nas concentracións do movemento feminista este mércores 18

Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida repulsa os feminicidios de Valga e chama á participación nas concentracións do movemento feminista este mércores 18

Dende Esquerda Unida manifestamos, unha vez máis, a nosa condena máis rotunda á violencia machista que rematou este luns con tres mulleres asasinadas en Valga. Esquerda Unida traslada a súa solidariedade á familia e amizades das vítimas á vez que lembra que os poderes públicos deben abordar de forma prioritaria a problemática da violencia machista que, en pleno século XXI, segue a ser usada como mecanismo de control e dominación da muller.

Segundo explica a responsable da Área de Muller de Esquerda Unida, Raquel Bernárdez, “os casos das mulleres asasinadas son a parte máis visible e brutal da sociedade machista na que vivimos e, a solución para rematar cos feminicidios, radica en levar a cabo políticas contundentes contra a violencia machista”.

“Precisamos máis compromiso por parte das administracións, incrementando recursos económicos e humanos para o desenvolvemento de accións contra estas violencias e levando a cabo políticas de educación en valores feministas”, sinala.

Por todo isto, dende Esquerda Unida chamamos a encher as rúas e participar nas concentracións convocadas polo movemento feminista galego este vindeiro mércores 18 de setembro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.