Esquerda Unida súmase ás mobilizacións contra a pobreza enerxética

Publicado por o día 20/12/2016 na sección de Esquerda Unida,Protestas,Vigo

Esquerda Unida súmase ás mobilizacións contra a pobreza enerxética

Esquerda Unida súmase á iniciativa nomascortesdeluz.org que apoian diferentes organizacións e colectivos para, entre outros obxectivos, reivindicar a través dun Manifesto a paralización inmediata dos cortes de electricidade a familias sen recursos, así como a aprobación de diferentes medidas contra os abusos tarifarios das compañías eléctricas.

O Manifesto que apoiamos inclúe unha serie de reivindicacións fundamentais para acabar cos abusos que afectan a un servizo esencial e esixir ao Goberno do PP que regule unha tarifa alcanzable á que poidan acollerse todos os consumidores domésticos e unha auténtica tarifa social para familias con baixos niveis de renda.

Ademais, entre estas reivindicacións destacan medidas como a prohibición legal de todos os cortes de luz a familias con problemas económicos; a fin dos abusos no cobro das tarifas; a creación dunha tarifa social sufragada polas propias eléctricas para aquelas persoas con rentas baixas; a devolución de 3.500 millóns de euros que as eléctricas cobraron indebidamente; a realización dunha auditoría ao sistema eléctrico para determinar o prezo real das tarifas eléctricas e a aplicación do IVA superreducido á electricidade, entre outras.

A pobreza enerxética é un dos principais problemas sociais e económicos desde o estalido da crise. Ao crecemento e cronificación do desemprego, á drástica redución de salarios sumouse unha escandalosa subida de tarifas provocando un escenario de evidente vulnerabilidade e risco; por todo isto, dende Esquerda Unida animamos a saír este 21 de decembro ás 20h. ás rúas para esixir medidas contra o abuso das eléctricas.