Esquerda Unida súmase ás mobilizacións, convocadas por SOS Sanidade Pública, encamiñadas a frear o desmantelamento da nosa sanidade, especialmente da Atención Primaria, posto en práctica polo goberno do PP nestes últimos anos e a prol de atender as demandas do persoal sanitario, solucionar o conflito dos PACs e dedicar máis orzamento de cara a dar unha axeitada calidade de servizo á cidadanía. Para iso, os vindeiros 9 e 10 de abril haberá concentracións nos centros de saúde e, o xoves 11, unha mobilización ás 12 da mañá na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.
Tal e como explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, dende Esquerda Unida levamos anos denunciando que “os recortes en materia de persoal, en recursos e infraestructuras, por parte da Xunta de Galicia en todo o Servizo Galego de Saúde, se materializaron fundamentalmente na Atención Primaria, cando esta debera ser a máis fortalecida do sistema por ser a encargada da promoción saúde e da prevención, aínda que é sistematicamente recortada e maltratada por parte do PP”.
“As carencias en canto a enfermería e medicina fan que en moitos centros de saúde teñamos esperas de sete días ou dez días, que son unha vergoña e fan que sexa imposible cumprir co dereito de acceso á saúde en condicións de equidade e en condicións de calidade asistencial”, son por estas eivas concretamente polas que os profesionais apoian estas mobilizacións e “folga histórica”, coa fin de esixir melloras para a nosa sanidade pública, un dereito de todas as galegas e galegos a ter unha Atención Primaria de calidade.
Segundo sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida, “a Xunta de Galicia dedica menos dun 13% do orzamento global da Consellería á Atención Primaria”. Dende Esquerda Unida, en consonancia coas demandas das e dos profesionais, esiximos que ese orzamento sexa, ao menos dun 25% para incrementar o cadro de persoal de Atención Primaria.
Por último, “demandamos que se recuperen as xerencias de Atención Primaria e que estas e estes profesionais teñan a capacidade de decidir e organizar o traballo con orzamento propio para permitir, por exemplo, dar as consultas de atención domiciliaria en condicións de calidade. Pero tamén que o persoal poida dedicarse á educación para a saúde e á investigación; é dicir que podamos ter unha sanidade pública e Atención Primaria de calidade”, algo que só se consegue escoitando aos profesionais que están en folga para defender os nosos dereitos.
Noticias de última hora en Vigo
Una respuesta para "Esquerda Unida súmase e fai un chamamento ás mobilizacións contra o desmantelamento da Atención Primaria dos vindeiros 9, 10 e 11 de abril"