Esquerda Unida Vigo felicita ás familias insubmisas e a FOANPAS polo rotundo éxito no seu boicot ás reválidas do PP

Publicado por o día 26/05/2016 na sección de Esquerda Unida,Política

Esquerda Unida Vigo felicita ás familias insubmisas e a FOANPAS polo rotundo éxito no seu boicot ás reválidas do PP

O Consello Político Local de Esquerda Unida en Vigo vén de manifestar a súa satisfacción polo “éxito rotundo” das familias na campaña de insubmisión ás reválidas, que cun 90% de apoio ao boicot, segundo datos da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPAS), convértea nun “fito histórico” por ser Galicia a Comunidade co maior rexeitamento ás reválidas do Estado, o que demostra a total perda de confianza das familias galegas na administración educativa.

Esquerda Unida felicita sinceramente ás familias do alumnado galego, ás Asociacións de Nais e Pais, ao profesorado comprometido e á comunidade educativa en xeral polo éxito desta mobilización exemplar que deixa en evidencia o talante autoritario da Consellaría de Educación, máis preocupada en que Feijoo faga méritos en Génova que en resolver os problemas no ensino. En opinión de Rubén Pérez, Coordinador de EU-Vigo, “As familias rexeitaron masivamente estas probas antipedagóxicas e inútiles que o PP aplicou de xeito unilateral como a LOMCE. Mentres recortan profesorado, persoal de servizos e de apoio ao alumnado con NEAE, así como investimentos e orzamentos, non dubidaron en aplicar estas probas coa escusa de detectar problemas, menosprezando a labor educativa e avaliativa que fan a diario as mestras e mestres”.

Esquerda Unida tamén anima a seguir loitando pola definitiva derrogación da LOMCE, o que pasa por gañar aos defensores da lei nas vindeiras eleccións. “A derrogación da LOMCE e a elaboración dunha lei pactada coa comunidade educativa é para EU unha das nosas prioridades”, afirma Daniel García, dinamizador da Área de Educación de Esquerda Unida en Vigo.