A estación fitopatolóxica de Areeiro lembra a eficacia das podas tardías nas especies leñosas

Os técnicos sinalan que non se deben aplicar funxicidas de cobre con temperaturas frías como as destes días
Publicado por o día 07/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A estación fitopatolóxica de Areeiro lembra a eficacia das podas tardías nas especies leñosas

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar o primeiro aviso fitopatolóxico do ano no que lembra a eficacia das podas tardías (ata a primavera) nas especies leñosas, advirte de que non se deben aplicar funxicidas con cobre con temperaturas frías como as destes días e aconsella, no seu lugar, labores de mellora do cultivo aproveitando o tempo seco actual, que cambiará en breve.

En canto ás podas, a técnico Rosa Pérez destaca que xa estarán feitas en moitas especies leñosas (viña, froiteiras e ornamentais), mais sinala que é posible realizalas ata mesmo a entrada da primavera. Lembra que unha poda tardía, cando o zume empeza a moverse no interior da planta, favorece a cicatrización natural das feridas e fai menos probable que as xeadas poidan afectar aos gromos cando nazan. Por outra banda, subliña que hai máis posibilidades de aplicar inmediatamente despois da operación, e sen que haxa risco de toxicidade, os funxicidas cúpricos recomendables para previr o desenvolvemento de certos fungos causantes das alteracións da madeira, pois moitos deles penetran maioritariamente a través dos cortes.

Outro dos consellos da especialista é retirar da finca a madeira de poda e nunca deixar ou triturar e incorporar ao terreo restos que se saiba proveñan de plantas enfermas. Ademais, insiste en que as plantas mortas non só deben cortarse, senón que hai que retirar igualmente o conxunto de toco máis raíces para reducir o risco de ataque de fungos das raíces como Armillaria e outros.

En concreto, con respecto aos cítricos, a EFA sinala que tralas chuvias -sobre todo se houbo retencións de auga na contorna das raíces- poden aparecer síntomas asociados a Phytophthora cinnamomi ou outras especies do xénero, que son bastante frecuentes nos cítricos, tales como caída de follas. Ante a aparición dos primeiros indicios é recomendable tratar con funxicidas a base de fosetil ou óxido cuproso. No caso de intervir lembren que deben respectar estritamente o prazo de seguridade do produto empregado.

Tamén é frecuente nestes momentos ver froitos coa podremia típica de Phytophthora hibernalis. Ao marxe da aplicación de funxicidas, é moi recomendable retirar da árbore, e tamén do solo, a froita

moi afectada, pois se non se fai o risco de infección é elevado e poden instalarse tamén outros patóxenos oportunistas. En calquera caso, e a pesar de estar autorizados, hai que lembrar que os funxicidas de cobre non se poden empregar con temperaturas frías como as de estes días.

Por outra banda, as temperaturas anormalmente altas de finais de xaneiro nas horas centrais do día favoreceron a aparición de gromos nalgunhas árbores e sobre estes xa se poden ver adultos e colonias de ninfas da ‘psila africana’. O frío está a frear o avance da praga, mais é conveniente retirar os gromos afectados que sexa posible.

Plantas de horta, buxo e piñeiro

Dende Areeiro sinalan que nestes momentos é frecuente ver danos por caracois ou babosas nas plantas de horta e indican que hai substancias rexistradas para o seu control que poden axudar a reducir os danos ademais de medidas culturais que limitan os ataques (o control das malas herbas ou a eliminación dos restos de cultivos anteriores).

En canto ao buxo, no laboratorio da EFA xa se detectou un inicio da actividade de eirugas invernantes da Cydalima perspectalis do buxo nunha serie de gromos. Por este motivo, e aínda que segundo as previsións meteorolóxicas van continuar os fríos no exterior, aconséllase vixiar os gromos das plantas por se aparecen os primeiros danos.

Finalmente, no relativo á procesionaria do piñeiro, aínda que as primeiras procesións de enterramento xa fai tempo que se teñen detectado -aínda na semana pasada cando as temperaturas non eran tan baixas-, é posible observalas nalgunhas zonas, polo que unha vez máis insístese en que non se deben manipular baixo ningún concepto.

Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso fitopatolóxico.