O Goberno provincial aproba máis de 65.000 euros para adquirir material técnico de laboratorio destinado á Estación Fitopatolóxica Areeiro

O contrato de subministro, que terá unha duración de tres anos, servirá para mercar material como guantes, papel parafilm ou placas Petri
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O Goberno provincial aproba máis de 65.000 euros para adquirir material técnico de laboratorio destinado á Estación Fitopatolóxica Areeiro

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación do procedemento aberto simplificado para a subministración de material técnico para os laboratorios da Estación Fitopatolóxica Areeiro. En concreto falamos dun contrato de 65.672,31 euros, dividido en tres lotes e cunha duración de tres anos. Así, Areeiro poderá contar con novos guantes de nitrilo, de látex, papel parafilm e filtro, algodón e placas de Petri.

O primeiro lote, composto por guantes 100 % nitrilo e guantes de látex sen po foi adxudicado a Proquinorte S. A.. Pola súa banda, Comercial Hospitalaria Grupo 3 S. L. levou o segundo lote, polo que subministrará papel parafilm, que é unha lámina de material semitransparente, flexible e resistente á auga; resmas de papel de filtro, fabricado para a absorción de líquidos e salpicaduras , e algodón en rolos. Por último, o terceiro lote tamén se lle adxudicou a Proquinorte S. A. e consiste en placas de Petri de polistireno e placas de Petri tipo Sterilin.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro pertencente á Deputación de Pontevedra, dedicado á investigación práctica e o diagnóstico de enfermidades de plantas agrícolas e forestais; na detección e identificación de pragas que afectan ás diferentes especies vexetais, así como no diagnóstico da fertilidade e idoneidade dos solos para diferentes cultivos, entre outras moitas actividades. Na actualidade, a Estación Fitopatolóxica Areeiro conta con catro laboratorios nos que se realizan diferentes análises, procesado de mostras, ensaios e estudos de investigación, entre outros traballos, para o que é necesaria a utilización do material técnico de laboratorio que se adquirirá a través destes contratos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.