A estacionalidade do mercado laboral conduce a un incremento do paro que deixa sen sentido calquera triunfalismo

A economía medra a un ritmo do 3,1 por cento pero segue habendo unha fonda crise de emprego
Por o 13/02/2018 | Sección: Sindicatos,UGT
A estacionalidade do mercado laboral conduce a un incremento do paro que deixa sen sentido calquera triunfalismo

A economía, en termos globais medra, a un ritmo do 3,1 por cento, pero o mercado laboral continúa mergullado nunha fonda crise que só permite respirar en momentos conxunturais, como as campañas de contratación de Nadal ou a temporada estival, pero que volve ao pozo do desemprego e precariedade o resto do ano. Cúmprense este mes seis anos da Reforma Laboral imposta polo Goberno do PP que demostrouse como un arma arroxadiza que só serviu para precarizar o mercado laboral e empobrecer aos traballadores.

O paro, segundo os datos facilitados hoxe polo SEPE, medra en Galicia nun 2,6 por cento (4.873 persoas máis no desemprego), por enriba do que sucede no resto do Estado, onde o aumento foi do 1,9 por cento. Así, Galicia rexistra 189.886 desempregados e o Estado 3.476.528.

En termos interanuais, o desemprego contráese en Galicia nun 10,5 por cento, 22.192 persoas menos. A baixada é dun 7,5 por cento no resto do Estado.

FONDA BRECHA DO DESEMPREGO POR SEXOS

Por sexos, a evolución do desemprego, un mes máis, é peor no caso das mulleres. O paro medra entre os homes nun 2,1 por cento, fronte ao 3,1 por cento das mulleres. De feito, as mulleres representan o 56,2 por cento do total do desemprego que se rexistra en Galicia (106.695 mulleres no desemprego, fronte a 83.191 homes). É evidente a fonda brecha por sexos que se da no desemprego. Ademais, en termos interanuais compróbase a maior discriminación no desemprego. Mentres o paro cae entre os homes nun 13,9 por cento, entre as mulleres tan só o fai nun 7,6 por cento.

O paro medra entre os máis mozos, menores de 25 anos, nun 2,1 por cento no mes e no ano baixa nun 8,6 por cento.

Da análise por sectores de actividade dedúcese que a estacionalidade está detrás da evolución do desemprego. Tralo Nadal, o desemprego medra no sector servizos en 5.092 persoas en Galicia. Mentres que no resto dos sectores a evolución é menos acusada. Baixa nun 1,4 por cento na industria e no colectivo de sen emprego anterior diminúe nun 1 por cento. Pola contra, sube nun 1,6 por cento na agricultura, 0,8 por cento na construción e o xa reseñado 4,2 por cento no sector servizos por mor do factor estacionalidade.

En relación a hai un ano, o desemprego baixa en todos os sectores, se ben dun xeito máis acusado na construción, o 22,2 por cento, o 13,8 por cento no primario e un 13,5 por cento na industria. Pero en termos absolutos, a maior contracción dáse no sector servizos, cunha baixada de 11.356 persoas.

MÁIS DE 80.000 CONTRATOS, FRONTE A UNHA AFILIACIÓN QUE BAIXA EN MÁIS DE 11.000 PERSOAS

Fixéronse 80.270 contratos no mes pero, sen embargo, a afiliación/cotización baixa en máis de 11.000 persoas. Isto evidencia a precariedade e alta rotación do mercado laboral galego que fai moitos contratos que non consegue consolidar como estruturais. De feito, só o 9,48 por cento dos contratos asinados foron de carácter indefinido.

En relación coa afiliación/cotización, o aumento do desemprego nunha cifra máis baixa á caída deste indicador apunta que no mercado laboral galego existe unha caída da afiliación que non vai ao desemprego, vai ou ben á inactividade ou pode deberse tamén á diminución da poboación maior de 16 anos. No Estado a contracción da afiliación/cotización non é tan acusada, a baixada no mes foi do 0,97 por cento. Interanualmente, tamén é diferente a evolución, de feito, en Galicia a afiliación medra nun 2,39 por cento, de novo con peor comportamento que o resto do Estado onde sube nun 3,44 por cento.

A TAXA DE COBERTURA POR DESEMPREGO É DE TAN SÓ O 54,7 POR CENTO

A precariedade é unha constante para os traballadores e tamén paro as persoas desempregadas. O número de beneficiarios de prestacións é de 92.752 persoas (decembro de 2017, último dato dispoñible), cunha nova caída anual de 9.051 persoas (decembro 2016). A taxa de cobertura é do 54,7 por cento, deixando fóra do sistema de protección a 92.261 desempregados, se se teñen en conta tamén aos que non teñen dereito á cobertura por desemprego.

No resto do Estado a taxa de cobertura é do 58,6 por cento, superior en catro puntos á galega. Este forte diferencial amosa a clara desvantaxe das persoas desempregadas en Galicia.

A METADE DAS COBERTURAS SON ASISTENCIAIS

A isto hai que engadirlle a precariedade destas prestacións, xa que tan só 40.804 beneficiarios perciben prestacións contributivas. O resto das coberturas é de carácter asistencial, subsidios (40.214), Renda Activa de Inserción (9.406) ou Programa de activación do emprego (2.328). É evidente que a baixa contía destes ingresos deixa a moitas familias galegas ao borde da pobreza ou exclusión social.

UGT-Galicia amosa a súa preocupación ante estas cifras que contrastan cunha economía que medra a un ritmo do 3,1 por cento e insiste na súa mensaxe de que a recuperación non está chegando ás familias, quédase no eido macroeconómico.

O primeiro mes do ano amosa, outra vez, a finalización da campaña navideña e, como consecuencia, o aumento do paro xunto a unha redución da afiliación á Seguridade Social. Todos eles son indicadores do carácter estacional que ten boa parte do emprego creado no país.

Con estas cifras enriba da mesa, UGT-Galicia considera totalmente inxustificado o triunfalismo dos gobernos central e do galego en relación ao mercado laboral e lembra que o desemprego segue a ser a principal preocupación dos cidadáns e o problema que máis lles afecta.

O MERCADO LABORAL NON SUPEROU A CRISE

O mercado de traballo no superou a crise, os traballadores seguen padecendo o desemprego e a precariedade e resulta moi difícil de entender que os gobernos do PP no Estado e en Galicia exhiban tanto triunfalismo.

O descenso continuado da taxa de cobertura por desemprego e a extensión do paro de longa duración obrigan a poñer en marcha de xeito urxente verdadeiras políticas de emprego que protexan ás persoas en desemprego vía prestacións, combinando as axudas con medidas activas de emprego, de orientación, formación e inserción.

Transcorridos seis anos dende a imposición unilateral polo Goberno central da reforma laboral, resulta evidente a necesidade de abordar os estragos producidos no mercado laboral e no sistema de relacións laborais por unha lexislación retrógrada que só serviu para rebaixar o salario dos traballadores e recortar os seus dereitos.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.