“O Estado Español é o segundo do mundo xunto cos EEUU onde mías creceu a desigualdade”

O acto, organizado por Podemos Baiona e Podemos Galicia, enmárcase na xira que o economista Fernando Martínez ven desenvolvendo pola xeografía galega dende hai máis dun mes.
Publicado por o día 04/12/2016 na sección de Cultura,Podemos,Política,Vigo

“O Estado Español é o segundo do mundo xunto cos EEUU onde mías creceu a desigualdade”

Ás 18.15 da tarde de onte daba comenzo en Baiona a palestra que o economista membro do Círculo Podemos Renta Básica, Fernando Martínez impartiu para dar a coñecer esta proposta e despexar algúns dos mitos que rodean a medida. O acto, celebrado no Multiusos Ángel Bedriñana, contou coa asistencia dunhas vinte persoas e nela tamén interviñeron Marta Díaz, do Círculo de Pontevedra e David Crespo, pertencente a Xeración Morada. Completou o cartel Eusebio Otero, graduado social xubilado.

Martínez empezou a súa intervención sinalando que en España había no 2015 máis de 757.000 fogares sen ingresos de ningún tipo, mentres que os fogares máis desfavorecidos perderon entre 2007 e 2011 aproximadamente un 13% de renda anual. O 10% máis acomodado, pola súa banda, perdeu un 1,5% anual. Neste marco xeral, o economista desmontou tamén o mito de que as rendas máis altas son as que máis impostos pagan, amosando como é a cidadanía máis empobrecida a que máis impostos paga en proporción aos seus ingresos, o que atribuíu ó efecto do IVE.

O poñente tamén referiu algúns dos mitos que rodean á renda básica, entre os que destacou o manido argumento de que a medida non é sostible. Para Martínez, o modelo econométrico elaborado, sobre dez millóns de declaracións de renda (reais e anónimas), “resultou sostible en tódalas simulacións, cun modelo no que á cidadanía maior de 16 anos recibiría unha Renda Básica de 643,33 €, e os menores desa idade 193,59 €.

“As rendas de inclusión existentes parten dun requisito previo que é a condición de pobreza. A Renda Básica dignifica ás persoas ao eliminar dito requisito e percibirse simplemente polo feito de ser cidadán ou cidadá e o único que faría falla para facela sostible economicamente sería incrementar os tipos impositivos ata a media da UE”, matizou. “Non é certo que sexa preciso impoñer tipos confiscatorios”, negou.

“A desigualdade é obscena sempre, pero moito máis cando se poden adoptar medidas realistas para combatela. Por iso é preciso empezar a pensar a Renda Básica como un dereito humano, vencellado ó dereito á propia dignidade das persoas”, concluíu.

Foi entón o turno de Marta Díaz, que puxo en relación a Renda Básica coa dignificación do traballo de coidados, “que se desenvolve de xeito invisible no fogar e en condicións de infraemprego en moitas empresas”. “Un traballo de coidados que, maioritariamente, levan a cabo mulleres e que se cuantifica nun 0,5% do PIB español”, engadiu antes de referirse ás “situacións de violencia machista, que en moitos casos non permiten ás mulleres fuxir por non poder manterse de xeito autónomo e se ven condenadas a soportar malos tratos como consecuencia da súa situación de dependencia, algo que non se daría se existira unha Renda Básica”. “A Renda Básica é eficaz para paliar certas clases de pobreza, específicas da muller”, rematou.

David Crespo, de Xuventude Morada, reflexionou sobre os efectos da medida sobre a taxa de natalidade, que se sitúa a día de hoxe en 1,3 fillos por parella, mentres que a taxa de reposición está establecida no 2,1. Para Crespo, explícase pola precariedade do emprego da xente xove “que non se pode independizar e apraza proxectos vitais, cando non renuncia a eles”. “A Renda Básica permitiría tamén mellorar o sistema de becas e iso repercutiría na calidade do emprego a medio e longo prazo. É hora de empezar a pensar no futuro máis aló dos beneficios inmediatos”, rematou.

Pechou a rolda de ponencias Eusebio Otero que falou sobre o funcionamento das rendas de inserción na actualidade, reflexionando sobre a necesidade de “crear unha conciencia social” sobre algo que “é de xustiza”, pero que “todavía non se comprende ben”.

Rematadas as exposicións, abriuse unha quenda de debate, rematando o acto ó redor das 20.45