Estas son algunhas das novidades da editorial Xerais para este mes

Publicado por o día 16/01/2020 na sección de Cultura

Estas son algunhas das novidades da editorial Xerais para este mes

«O VERÁN EN LUCENZA» DE ALBERTO FORTES DESDE UN TON CONFESIONAL E INTIMISTA, ASISTIMOS Á RECREACIÓN DO CONCEPTO DA MEMORIA, QUE TAMÉN É COMUNAL, A PARTIR DA VISIÓN DUN ADOLESCENTE QUE NOS DEVOLVE A UNHA GALICIA RURAL QUE XA NON EXISTE.

O fillo do Cortizo é un rapaz que pasa as vacacións de verán coas súas tías avoas nunha afastada aldea galega dos anos 70. Ao tempo que constrúe a súa personalidade, o protagonista énchese de experiencias e descubertas e debe aprender a vivir co peso da culpa. “O verán en Lucenza” é unha novela que nos conduce a través das lembranzas dese rapaz, remitíndonos a un tempo xa
desaparecido e ofrecéndonos caras contrapostas da realidade. Desde un ton confesional e intimista, asistimos á recreación do concepto da memoria, que tamén é comunal, a partir da visión dun adolescente que nos devolve a unha Galicia rural que xa non existe.

Alberto Fortes (Pontevedra, 1964) é autor de diversos libros. En Xerais publicou a novela “O dobrón de a oito” (2016), unha historia de aventuras na Galicia de finais do antigo réxime, así como “O corsario” (2005), un relato de investigación sobre a vida dos irmáns Gago de Mendoza. Ademais é autor de libros como “Memorias de Ravachol” (2007), “Crónicas de San Domingos” (2007) e “O violín de Sarasate” (2002). Tamén publicou as novelas “Amargas han sido las horas” (1998); “Memorial de abordo” (2003), unha viaxe nos barcos máis senlleiros da literatura, ou “Los viajes de Shackleton a la Antártida” (2014), sobre a vida do famoso explorador irlandés.

«NARRATIVA E IMAXINARIO NACIONAL NA RECONSTRUCIÓN DO CAMPO LITERARIO NA POSGUERRA (1936-1966) » DE MARIO REGUEIRA A RECONSTITUCIÓN DO CAMPO CULTURAL GALEGO TRAS O ENORME IMPACTO DA GUERRA CIVIL PRESENTA UNHA SERIE DE CIRCUNSTANCIAS ESPECÍFICAS QUE SEMPRE A DIFERENCIARON DAS
EXPERIENCIAS DOUTRAS REALIDADES NACIONAIS.

A reconstitución do campo cultural galego tras o enorme impacto da Guerra Civil presenta unha serie de circunstancias específicas que sempre a diferenciaron das experiencias doutras realidades nacionais, tanto nos efectos inmediatos da represión franquista como na estratexia de oposición desenvolvida no medio e longo prazo. O estudo que presenta Mario Regueira aborda o período da primeira posguerra desde unha perspectiva nova, capaz de recoller algunhas das achegas máis innovadoras do ámbito dos Estudos Galegos acompañándoas dunha visión de conxunto que non teme problematizar moitos dos aspectos tratados, rachando con certas inercias estruturais da historiografía literaria propia. Desta forma, a pesar do foco inicial no desenvolvemento da narrativa, a proposta do autor aborda a relación desta con outras producións, sinaladamente as de tipo ideolóxico, abordando a reconstitución dun campo literario galego e o papel normativo que neste proceso tomou a editorial Galaxia. Desde a conquista das institucións até a configuración dun marco ideolóxico, filosófico e historiográfico que predeterminou unha idea concreta do país e da súa literatura, Mario Regueira explora tamén os espazos de sombra que esas estratexias deixaron: as discrepancias co exilio, a ruptura das novas xeracións de autores, a débeda con filosofías de corte esencialista ou o papel de mediación que o proxecto culturalista chega a representar fronte á ditadura e algúns sectores do franquismo como características deste primeiro período da editorial.

Mario Regueira (Ferrol, 1979) é doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, tras cursar estudos de Filoloxía Galega e Dereito. No campo dos estudos literarios ten publicado o ensaio heterodoxo Lois Pereiro, unha persecución (2011). Colabora como crítico literario en distintos medios, sinaladamente en Sermos Galiza, e preside, desde 2016, a Asociación Galega da Crítica. Ademais, participa do podcast Burán, que se emite en Radio campUSCulturae e Cuac FM. Como narrador, comezou a súa carreira co libro de relatos Rebelión no inverno (Xerais, 2004) ao que seguen as novelas L’affiche rouge (Xerais, 2007) e Outono aquí (2012), esta última premio Lueiro Rey de novela curta e traducida ao castelán como Las hojas muertas (2013). Como poeta ten publicado Tanxerina (2006, Premio Xosemaría Pérez Parallé), Blues da Crecente (2009, Premio Xohán Carballeira), O silencio (Xerais, 2012) e Marco Livorno (2019, Premio Illas Sisargas).

« CARVALHO CALERO VIDA E OBRA DUN SER POLIFACÉTICO» DE HENRIQUE DACOSTA LETRAS GALEGAS 2020 UNHA BIOGRAFÍA CLARA E CONCISA PARA TODOS OS PÚBLICOS

Un libro divulgativo sobre a vida e a obra do autor das Letras Galegas 2020. Quen era, como viviu e como pensaba Carvalho Calero. Unha biografía clara e concisa para todos os públicos.

Henrique Dacosta (Ferrol, 1964) é profesor de profesión e escritor de vocación. Foi gañador en tres ocasións do Certame Carvalho Calero: Mar para todo o sempre (1991), novela; Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias (1993), relatos; e Unha mada de doce relatos (2006). Tamén publicou Ruiva mulher de esperança no volume Muralla de Crescórnio (1989), finalista no Certame de Relato Curto da Asociación Cultural Cidade Vella. Ademais, participou en diversas colectáneas de relatos breves. Ten publicado artigos e investigacións lingüísticas e literarias en diversas revistas e periódicos e é colaborador habitual no Diario de Ferrol. En Xerais ten publicados Illas a sotavento, XXV Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta e Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético.

«BIRIMBAO. POEMAS DE MÍ PARA TI 1937-1939» DE CELSO EMILIO FERREIRO EDICIÓN DE FRANCISCO XAVIER FERREIRO LOREDO

A aparición de “Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939)” supón un verdadeiro acontecemento literario. Esta obra de Celso Emilio Ferreiro desvélanos como é a poesía que o autor de Celanova ideou e escribiu ao longo da guerra civil e axúdanos a entender a xénese da súa expresión poética, que nunca abandonou. Xavier Ferreiro Loredo, fillo de Celso Emilio, mergúllanos nos poemas para analizalos desde unha óptica persoal, organizándoos en tres partes «Poesía de parapeto», «Birimbao: poemas de mí para ti» e «Memorias de mis caminos». O libro tamén incorpora documentos en prosa de Celso Emilio Ferreiro e sobre Celso Emilio Ferreiro, froito dun proceso de intensa investigación en arquivos e hemerotecas, e inclúe ademais diversos apéndices documentais e fotográficos. Corenta anos despois do falecemento do autor de “Longa noite de pedra”, este libro confirma que esa luz da súa poesía, «o lume que alampea», leva inserida unha forza tan enorme que é capaz de transcender o tempo.

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) iniciou desde moi novo unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país. En 1948 fundou en Pontevedra a colección Benito Soto. Establecido en Vigo desde 1949, publicou “O soño sulagado” (1954, Xerais 1991) e dirixiu a colección de poesía Salnés, onde saíu “Longa noite de pedra” (1962, Xerais 1990, Xerais 2002). O impacto desta obra foi enorme, esgotada e multicopiada de man en man. En 1966 marchou a Caracas, onde se enfrontou co sector máis reaccionario da colectividade galega, contra o que escribiu “Viaxe ao País dos Ananos” (1968, Xerais 2004), poemario co que inicia un rexistro satírico que continuará en “Cantigas de escarnio e maldicir” (1968), no romance de cego “Paco Pixiñas” (1970), en “Os autentes” (1973) e mais en “Antipoemas” (1972). En 1973 instalouse en Madrid. Son desta época os poemarios “Cimenterio privado” (1973), “Onde o mundo se chama Celanova” (1975, Xerais 1991) e o “Libro dos homenaxes” (1979). Como narrador publicou dous únicos libros: “A fronteira infinda” (1972, Xerais 1988) e “A taberna do galo” (1978). Con motivo do vinte e cinco aniversario do seu pasamento, Xerais iniciou a edición das súas obras completas, das que se levan publicado os volumes “Obra narrativa” (Xerais 2003), “Poesía galega completa” (Xerais 2004), “Semblanzas, crónicas e artigos” (Xerais 2005) e, agora, “Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939)” (Xerais 2020).

«RICARDO CARVALHO CALERO. A PEGADA DO COMPROMISO» DE HÉCTOR CAJARAVILLE LETRAS GALEGAS 2020, RICARDO CARVALHO CALERO FOI UN AUTÉNTICO PIONEIRO E UN INCANSABLE DEFENSOR (E TAMÉN CONSTRUTOR) DA NOSA IDENTIDADE COMO COMUNIDADE, COMO POBO, COMO PAÍS.

Ricardo Carvalho Calero é unhas das figuras de obrigada referencia na historia do idioma galego: como investigador, como autor literario e como docente e promotor da nosa lingua nos diferentes ámbitos, espazos e contextos de uso. É o responsable da primeira gramática do galego elaborada cunha base científica sólida e da primeira historia da literatura galega contemporánea, ademais de ser o primeiro profesor en ocupar a cátedra universitaria de Lingüística e Literatura galegas. Un auténtico pioneiro e un incansable defensor (e tamén construtor) da nosa identidade como
comunidade, como pobo, como país. A Ricardo Carvalho Calero dedícaselle o Día das Letras Galegas 2020.

Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974) estudou Xornalismo e actualmente é profesor de Lingua e Literatura galegas no ensino secundario. En 2015 gañou o Premio Xerais coa súa primeira novela, «De remate», e foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con «Quen dá a quenda?» (Xerais 2016). Nese mesmo ano, a súa obra «A caixiña dos rancores (Vidas cruzadas)» (Xerais 2016) recibiu o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; en 2016 gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo con «Once portas» (Xerais 2017) e o Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil con «Denébola a Roxa». Coa súa novela «Kusuma» (Xerais 2018) obtén o Premio Merlín de Literatura Infantil 2018. É autor, ademais, das novelas «O segredo da casa de Formoso» (2017) e «Nova Nursia» (Xerais 2018), así como das biografías «Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo» e «Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso», publicadas na colección Merlín en 2019 e 2020, respectivamente. Noutras facetas, traduciu ao galego a novela «O gardián invisible» (Xerais 2013) de Dolores Redondo, participou na redacción do «Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato» (2014) e publicou varios traballos académicos sobre lexicografía e linguaxe xornalística.

«TRESCATORCEDEZASEIS» DE ROCÍO LEIRA FINALISTA DO XI PREMIO JULES VERNE DE LITERATURA XUVENIL, MENSAXES CIFRADAS, PISTAS INQUIETANTES E CÓDIGOS APARENTEMENTE IRRESOLUBLES DANSE CITA NESTA AVENTURA CHEA DE INTRIGA NA QUE ENTRARÁS DE CHEO NUNHA PARTE DA HISTORIA DAS MATEMÁTICAS.

«Xogamos?» Ese é o contido dun correo electrónico que un día recibe o profesor Benavides. O matemático acepta o lance e dende ese intre terá que desentrañar o misterio que se agocha tras os asasinatos que se están a producir no campus universitario. Coa axuda de Silvia, unha enigmática alumna da facultade de Matemáticas, Benavides deberá resolver os desafíos lóxicos que un intelixente asasino lle vai propor. Mensaxes cifradas, pistas inquietantes e códigos aparentemente irresolubles danse cita nesta aventura chea de intriga na que entrarás de cheo nunha parte da historia das matemáticas. Comeza o xogo!

Rocío Leira (A Pereiriña, Cee, 1979) é licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela e, na actualidade, dirixe un centro de formación para universitarios en Compostela. Dende moi cativa comezou a escribir e a participar en diversos certames nos ámbitos do relato curto e da poesía, nos que obtivo numerosos premios literarios, entre eles, o Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, o Premio de Narración Curta Concello de Marín, o Xaime Illa Couto nas modalidades de poesía e relato curto, o Anduriña Voandeira, o Premio Xosé M. López Ardeiro ou o Avelina Valladares.No ano 2013 publicou a súa primeira obra, “Universo Pitágoras”, á que seguiron “O becho que quería comer á avoa” (2015) e os poemarios “[Obituario]” (2016) e “INEM” (2016).

«MARIÑA E O BALÓN» DE PERE TOBARUELA, MARIÑA É UNHA NAMORADA DO FÚTBOL E DA POESÍA

Mariña é unha namorada do fútbol e da poesía. Escribe poemas acotío, pero aínda non se decidiu a anotarse nun equipo de fútbol porque pensa que todo o mundo vai ser coma os seus compañeiros da clase, que sempre amolan as nenas que queren xogar co balón no recreo. Con todo, Mariña devece tanto por canear, fintar, pasar, xutar e meter gol que está disposta a solucionar este problema coa axuda das súas amigas.

Pere Tobaruela naceu en Barcelona en 1965 e vive dende hai anos en Rois. É por isto que alterna a escrita en catalán e en galego. Con máis de corenta títulos publicados en varias editoriais, transita por diversos xéneros literarios: libro ilustrado, banda deseñada, ensaio, biografía, conto, novela… Dentro da súa produción novelística atopamos obras infantís e xuvenís, e tamén para o público adulto. En Xerais, ademais de «Mariña e o balón» (2020), ten publicados estoutros libros para público infantil e xuvenil: «Vouvos papar» (2008), escrita en colaboración con Luz Méndez; «A cripta do apóstolo» (2010) e «O códice do Santo Lugar» (2013). Xunto con Andrés Meixide, é coautor da serie Formig4s, que xa conta con cinco títulos.

Pablo Rosendo (Vigo, 1984) estudou na Escola Superior de Debuxo Profesional de Madrid e traballou como animador en Iskra Animación e Deboura Deseños Animados, onde foi director artístico da serie de animación «Berto’s diary». Colabora mensualmente en diversas revistas e semanalmente publica unha viñeta no xornal «La Voz de Galicia». É autor do álbum ilustrado «O can Gastón anda tristeiro» (Xerais 2015). Mantén a páxina web www.pablorosendo.com.