Este martes asináronse dous convenios de colaboración entre a Universidade e a Deputación 244.500 euros

244.500 euros para actividades culturais, investigación e mobilidade no campus de Ourense
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

Este martes asináronse dous convenios de colaboración entre a Universidade e a Deputación 244.500 euros

A sinatura entre a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense do convenio de colaboración anual para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, dotado con 220.000 euros. A sinatura do convenio para a convocatoria o vindeiro curso académico dunha nova edición das bolsas de mobilidade Ourense Exterior, financiadas con 24.500 euros polas dúas institucións e polo Consello Social da Universidade de Vigo. A presentación da publicación Memoria 2014-2018 Campus de Ourense-Campus da Auga, na que se fai balance da execución deste proxecto de especialización. O campus de Ourense tivo este martes unha intensa axenda na que se puxeron en valor diferentes froitos da colaboración interinstitucional.

Colaboración estratéxica coa Deputación de Ourense

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, foron os encargados de asinar os dous convenios entre as dúas institucións nun acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel e no que tamén participou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo. O reitor salientou como estes convenios supoñen “a cristalización dunha alianza estratéxica” que comparten Universidade e Deputación. Deste xeito, Mato quixo aproveitar a ocasión para dar “o meu agradecemento máis sincero a Ourense, á súa deputación e á cidadanía en xeral” polo “apoio e o cariño” recibido ao longo dos oito anos que estivo ao fronte da institución académica. O reitor despediuse poñendo de relevo o bo estado de saúde do campus de Ourense, do que destacou cifras como unha taxa de matrícula do 101,5%, e agradecendo a implicación das entidades ourensás para conseguilo. O convenio de colaboración anual, subliñou pola súa banda Manuel Baltar, “significa cooperación entre entidades, aposta pola formación e impulso do noso campus”. O presidente da deputación provincial tamén quixo recoñecer “o traballo e o esforzo” desenvolvido durante os dous mandatos de Salustiano Mato ao fronte da Universidade de Vigo salientando como “apostou durante todo este tempo por Ourense dun xeito contundente”. “Todo o recoñecemento e os parabéns”, dixo Manuel Baltar, que salientou o traballo conxunto entre as dúas institucións durante este período.

Segundo recolle o convenio de colaboración anual, a Deputación de Ourense achegará a cantidade de 220.000 euros, IVE incluído, á Universidade de Vigo para actividades a desenvolver ao longo do ano 2018 na provincia de Ourense dende a Vicerreitoría do Campus de Ourense. O convenio abrangue tres liñas de actuación, como son actividades culturais e deportivas, mobilidade e investigación. O programa de proxección universitaria e actividades culturais inclúe o financiamento da Sala Alterarte; das aulas e obradoiros de cada cuadrimestre, das rutas culturais, do coro universitario, dos cursos de verán, do concerto de Nadal e do ciclo Portugués Perto. Neste apartado tamén se contempla promover a investigación sobre o Entroido, coordinar o traballo previo á reedición da obra Ourense. Guía monumental, a celebración do Curso Audiovisual da Fundación Carlos Casares e do curso de formación Didáctica da ficción e creación literaria. O acordo tamén abrangue un programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado, a través do que se conceden axudas complementarias para o alumnado do campus integrado no Programa Erasmus. Por último, tamén se financiará o programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2018.

Cinco bolsas Ourense Exterior

Este martes tamén se asinou o convenio de colaboración entre a Deputación Provincial e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento dunha nova edición do programa de bolsas de mobilidade Ourense Exterior. Esta iniciativa, destacou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, “move persoas, move coñecemento” e enmárcase na filosofía de que “a universidade sexa sensible ás peculiaridades do territorio ao que serve”, lembrando o carácter único que ten esta iniciativa no contexto da Universidade de Vigo. O número de axudas para o curso 2018/2019 é de cinco. As bolsas cubrirán taxas de matrícula no centro que corresponda segundo o mestrado elixido; unha axuda de 600 euros para gastos de viaxe e unha axuda de 2500 euros para gastos de aloxamento. Estas bolsas están dirixidas ao alumnado residente no estranxeiro que se matricule no curso 2018/2019 na modalidade presencial do primeiro curso dos estudos conducentes ao título de mestrado impartidos no campus de Ourense, tendo prioridade os ourensáns, galegos ou/e españois ou os seus descendentes ata o segundo grao inclusive, residentes no exterior. A Deputación de Ourense achega a esta iniciativa 10.000 euros, o Consello Social da Universidade de Vigo 5500 euros e a Universidade de Vigo ata 9000 euros en concepto de taxas de matrícula, a excepción das taxas por servizos administrativos e outros conceptos.

Memoria 2014-2018 do Campus da Auga

Outro froito da colaboración entre institucións presentado este martes foi a publicación Memoria 2014-2018 Campus de Ourense-Campus da Auga, na que se fai balance da execución do proxecto de especialización do campus de Ourense. Xunto a Salustiano Mato, presentaron esta publicación Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, nun acto que contou coa asistencia de membros da comunidade universitaria, como responsables de centros e a próxima Vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas.

A publicación, destacou o reitor, amosa como “conseguimos darlle ritmo a un soño para facelo realidade”. “Grazas a toda a comunidade universitaria de Ourense porque isto é obra vosa. Nós intentamos ser animadores das vosas capacidades”, afirmou Salustiano Mato durante a presentación. O responsable académico amosou o seu desexo de que “este sexa o punto de partida de algo que nos dea moitos froitos”. Pola súa banda, Virxilio Rodríguez, indicou como esta publicación ofrece “unha foto estática dun proceso que continúa, que segue en movemento” e subliñou como con ela “damos por cumprida unha etapa” na que se acadou a execución do primeiro plan acción deste proxecto de especialización. José Alberto Díez lembrou como “Ourense foi o primeiro deste novo modelo innovador e singular” de aposta pola especialización dos campus do Sistema Universitario de Galicia e como “hoxe xa é unha realidade”. Pola súa banda, Jesús Vázquez, subliñou como esta publicación “é unha perfecta imaxe dunha folla de ruta ben elaborada”, salientando a súa “satisfacción por ver como un proxecto vai consolidándose, dando resultados”. Unha satisfacción tamén compartida por Rosendo Fernández, que fixo fincapé no potencial da auga en Ourense e deste proxecto de especialización.

Ao longo das súas 100 páxinas e cun carácter principalmente visual e divulgativo, a publicación explica as liñas xerais do proxecto, incluíndo a súa cronoloxía, a súa estrutura de goberno, a súa comisión académica e os plans de investigación en auga, sustentabilidade, desenvolvemento e innovación educativa. Tamén aborda a posta en marcha este curso académico do seu programa de doutoramento. No apartado Programa de Innovación Educativa e Divulgación Científica, o libro fai un repaso por actividades como as xornadas de portas abertas celebradas anualmente, o concurso de fotografía escolar e os Premios do Campus da Auga. En Investigación, afonda nos grupos e liñas existentes no campus, no clústeres creados e na xeración de proxectos. En Internacionalización teñen protagonismo temas como a mobilidade, os dous congresos internacionais e o simposio sobre termalismo organizados e diferentes iniciativas de emprendemento.