Este mércores finaliza o prazo para solicitar as axudas para apoiar actividades non agrícolas no medio rural galego

Así o recordou esta mañá o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, que visitou a empresa Reciclaxes Inertes do Noroeste, beneficiaria destas achegas
Por o 26/02/2018 | Sección: Xunta de Galicia
Este mércores finaliza o prazo para solicitar as axudas para apoiar actividades non agrícolas no medio rural galego

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, lembrou que este mércores -28 de febreiro- remata o prazo para solicitar as axudas de actividade non agrícolas no medio rural galego. Así o fixo durante a súa visita ás instalacións da empresa Reciclaxes Inertes do Noroeste S.L., beneficiaria desta liña de achegas.

O director xeral recordou que para a presente convocatoria se destinou un total de 4,5 millóns de euros para apoiar a adquisición de maquinaria e equipamento novos, así como a execución das obras necesarias para a súa instalación, co fin de ampliar ou modernizar unha actividade empresarial existente no rural.

Tal e como recolle a orde, publicada o pasado 29 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia, serán subvencionables os proxectos destinados a ampliar ou modernizar pequenas empresas que desenvolvan actividades non agrarias no seguintes sectores e ámbitos de actividade: industrias, talleres e locais destinados a producir bens e materiais, así como a prestación de servizos en calquera sector económico (con exclusión de empresas de maquinaria agrícola e forestal e empresas de prestación de servizos enerxéticos).

Tamén será obxecto de subvención todo o relacionado coa prestación de servizos sociais, actividades recreativas, de ocio e deportivas, artesanais, actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico, actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, veterinaria e comercio polo miúdo de produtos non agrarios.

Reciclaxe Inertes do Noroeste

Precisamente a empresa que hoxe se visitou foi beneficiaria desta liña de achegas. Reciclaxes Inertes do Noroeste, que se dedica ao tratamento de residuos, realizou o pasado ano un investimento de preto de 300.000 euros para mercar un equipo triturador e unha retroexcavadora para a alimentación do triturador, para o cal contaron cunha axuda de Agader de 134.325 euros, o 45% do investimento mobilizado. Isto permitiu manter os 9 postos de traballo que hai actualmente na empresa e crear outro a maiores.