“Estou feliz porque é a primeira vez que un ministro ven á cidade a garantir o AVE a Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou os compromisos ofrecidos polo titular de Fomento, José Luis Ábalos, durante a súa visita á cidade e avanzou que o estudo hidroxeolóxico da Alta Velocidade terá un custe de 1,5 millóns de euros. AVE por Cerdedo, túnel da autovía A55, enlace da AP9 en Buenos Aires, humanización da Avenida de Madrid e accesos ao Ifevi foron os puntos destacados polo rexedor.
Publicado por o día 04/10/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

“Estou feliz porque é a primeira vez que un ministro ven á cidade a garantir o AVE a Vigo”

“Estou feliz, son un home enteiramente feliz, porque todos os temas que teñen que ver con Fomento está desbloqueados, todo o que o alcalde de Vigo reclamaba como prioritario para esta cidade quedou solucionado onte”.

Así valoraba este xoves o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a visita o día anterior de José Luis Ábalos ao Concello de Vigo. “É a primeira vez que un ministro de Fomento ven a Vigo a garantir que haberá AVE a Vigo por Cerdedo, a primeira vez que ven a reunirse co alcalde para tratar da Alta Velocidade directa e para dar o seu consentimento e poñelo en marcha de novo despois da paralización á que tivo sometido o PP”, sinalou.

O rexedor fixo balance ante os medios de comunicación sobre os asuntos tratados con Ábalos. Caballero relatou os avances en cinco puntos “vitais” para a cidade e destacou especialmente o “desbloqueo” do AVE de Vigo a Madrid por Cerdedo.

“Eu convoquei manifestacións e reclamamos a súa posta en marcha, desde onte ponse en marcha o tren de alta velocidade que estaba parado polo PP en Madrid, está desbloqueado definitivamente, agora empezará o estudo hidroxeolóxico, cun custe de 1,5 millóns de euros”, indicou.

Caballero explicou que desde os problemas detectados na Variante de Pajares, do AVE Madrid – Gijón, o Ministerio de Medio Ambiente obriga a facer estudos hidroxeolóxicos para todos os proxectos.

Respecto da autovía A55 entre Vigo e Porriño, Caballero indicou que Fomento rescatou o proxecto do túnel “das profundidades dos caixóns siderais” e agora o ministerio compromete a súa construción “co mesmo sistema que o resto da autovía, con orzamento público”.

Ademais, tamén sinalou que queda desbloqueado o novo acceso da AP9 á Avenida de Buenos Aires. “Fomento fará estudo para a proposta que fixemos na autoestrada AP-9, con catro accesos, dous en sentido Vigo e dous en sentido Pontevedra”, apuntou.

No tocante á humanización da Avenida de Madrid, cun orzamento de 10 millóns de euros, avanzou que en verano estará contratada a obra para comezar a reforma “compatible coa circulación” nunha zona con oito carrís de dúas administracións diferentes.

E por último, Abel Caballero sinalou que tamén tratou con José Luis Ábalos a construción da terceira rotonda do Ifevi. “O Goberno anterior nin o tiña nas carpetas, será un xogo de tres rotondas con dous carrís en cada sentido para mellorar o acceso ao aeroporto e a Ifevi”, dixo.

“Son un home enteiramente feliz, repito, nunca viu a señora Pastor a falar, non viu De la Serna, nin Feijóo, hai un ministro que leva 90 días e xa estivo en Vigo para garantir o AVE”, concluíu.