Estreitando lazos co Círculo de Empresarios de Galicia

O reitor participou este luns nun almorzo-coloquio con representantes do sector empresarial
Publicado por o día 11/03/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Estreitando lazos co Círculo de Empresarios de Galicia

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, participou este luns nun almorzo-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia no que tivo a oportunidade de intercambiar opinión con algún dos principais representantes do sector empresarial da cidade de Vigo e a súa área de influencia. Acompañado pola presidenta desta entidade, Patricia García, que foi a encargada de darlle  a benvida ás instalacións do círculo, o reitor fixo fincapé no elevado interese da institución académica viguesa en achegarse e estreitar lazos co mundo empresarial.

“Nós, como institución educativa de investigación e transferencia, estamos convencidos de que temos que facer moito traballo coa sociedade civil que nos rodea”, salientou á súa chegada ao Círculo de Empresarios o reitor vigués, que fixo fincapé en que “desde o goberno da Universidade queremos traballar arreo coas empresas e coas industrias da nosa contorna” e, neste contexto, incidiu en que este xantar é “unha oportunidade máis para estreitar lazos”.

Esta foi a primeira visita de Manuel Reigosa como reitor da Universidade de Vigo ao Círculo de Empresarios de Galicia, entidade que xa tivera a oportunidade de visitar durante a campaña electoral. Posteriormente, xa no mes de xullo, foron a directora dos empresarios e parte do seu equipo os que se achegaron ao campus para manter unha xuntanza de traballo co reitor e o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, no que se decidiu a posta en marcha de nove comisións de traballo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.