Estudantes de 21 centros escolares da provincia arrancan cos seus proxectos nunha nova edición do programa DepoEmprende

Alumnado dos colexios e institutos participantes explicaron os obxectivos das cooperativas que puxeron en marcha ao abeiro desta iniciativa da Deputación, que acada a súa quinta edición
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra

DepoEmprende, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que promove dinámicas de traballo que fomenten o emprendemento no marco do sistema educativo, arranca coa súa quinta edición. Para coñecer de preto os proxectos impulsados polo alumnado que participa nas modalidades de “DepoEmprende na Escola” e “DepoEmprende na ESO” a presidenta, Carmela Silva, e a deputada de Promoción Económica, Raquel Giráldez, reuníronse de xeito telemático con representantes de 22 cooperativas que participan no proxecto.

A presidenta provincial puxo en valor a celebración deste tipo de encontros xa que deles “saen ideas moi boas que para nós serán un exemplo a seguir”. Destacou tamén o compromiso cos valores que adquiriron os rapaces e rapazas que participan na iniciativa que é “o compromiso cunha cidadanía que cre no ben común”. Carmela Silva aproveitou a ocasión para lembrar que o programa DepoEmprende “pretende crear mentes que sexan capaces de poñer en marcha proxectos colaborativos onde participa o alumnado dirixido polas súas mestras e mestres”. “Ao longo de todos estes anos teñen conquerido proxectos para que os adultos e adultas nos sintamos orgullosos e orgullosas e vos tomemos como exemplo”, lembrou a presidenta do ente provincial ao alumnado.

Neste encontro o alumnado quixo amosar os avances que acadou no primeiro trimestre do curso escolar, no que traballaron na constitución das súas cooperativas elixindo o nome da mesma, un logo, redactando as actas de constitución e estatutos das cooperativas ou formulando os organigramas das mesmas. Neste segundo trimestre o alumnado está a realizar estudos de mercado, elixindo os produtos que fabricarán e analizando a lista de provedores de produtos. Das presentacións realizadas compre destacar o carácter democrático da constitución das cooperativas, nas que tal e como resaltou un dos alumnos “queremos ter todos e todas os mesmos dereitos e deberes”, así como a venda e distribución de produtos reciclados e artesanais poñendo sobre a mesa o compromiso das xeracións futuras co medio ambiente. Ademais, a crise derivada da Covid-19 tamén se atopa moi presente nos proxectos do alumnado que está a idear solucións para facer máis doado o noso día a día cumprindo coas medidas de sanitarias de seguridade.

Ao primeiro encontro acudiron as 12 cooperativas que se formaron este ano no seo de “DepoEmprende na Escola”, programa no que están a participar 330 alumnos e alumnas pertencentes aos centros educativos CEIP Plurilingüe de Carballedo de Cerdedo-Cotobade, CEIP Santo André de Xeve de Pontevedra, CEE Pontevedra, CPI A Xunqueira Nº1 de Pontevedra, CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui, CEIP Serra-Vincios de Gondomar, CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia e CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares de Vigo.

No segundo encontro participaron 10 cooperativas pertencentes ao programa “DepoEmprende na ESO”, que este ano conta con 80 alumnos e alumnas dos IES Manuel García Barros da Estrada, A Paralaia de Moaña, IES Luis Seoane de Pontevedra, IES Illa de San Simón de Redondela, IES Illa de Ons de Bueu, IES de Rodeira de Cangas e CPI da Cañiza. Nesta iniciativa tamén participa unha cooperativa do IES Terra de Turonio de Gondomar que non puido asistir ao acto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.