Estudantes de Dramática piden á Xunta que arranxe situación de desigualdade

Publicado por o día 17/09/2015 na sección de Vigo

Estudantes de Dramática piden á Xunta que arranxe situación de desigualdade

Co comezo do novo curso, dende a Asociación de Estudantes de Arte Dramática de Galicia (AESAD)vemos moi necesario subliñar as grandes situacións de desigualdade que se están a dar coas nosas titulacións superiores. Levamos reclamando á Xunta, dende hai varios anos, que se dignifique e se poña en valor os estudos de Arte Dramática; algo que, na actualidade só se pode conseguir mediante a adscrición á universidade, conseguindo así, a mesma equiparación destes estudos co resto da Unión Europea.

Resulta vergoñento que os centros públicos como a ESAD de Galicia non podan expedir títulos de grao universitario mentres que Escolas e Universidades privadas o fagan. Trátase dunha grave situación de desigualdade para o alumnado que se da, non só en toda España, senón tamén con outros centros de titularidade pública de Europa, na que se levan moitos anos outorgando títulos universitarios neste campo profesional.

Entendemos que a falta de resposta e o rexeitamento continuado das nosas demandas por parte do goberno do Partido Popular é significativo do seu desapego e especial desinterese pola defensa da cultura e das artes en Galicia, pois a adscrición á universidade non é un proceso complexo e tampouco require dun gasto elevado con respecto ós beneficios que se acadarían. A LOMCE (no seu artigo 58.7) tamén posibilita que as Administracións educativas podan adscribir as Ensinanzas Artísticas Superiores ás universidades mediante convenio; tendo presente o artigo 11 da Lei Orgánica de Universidades.

Así mesmo, os estudantes de Arte Dramática, non entendemos que o Partido Popular defendese no seu programa electoral de 2008 (páxina 159) “a incorporación das ensinanzas artísticas superiores á universidade, de acordo co marco do Espazo Europeo da Ensinanza Superior” e que, na actualidade, nin tan sequera atenda as nosas peticións existindo unha gran unanimidade por parte dos distintos grupos políticosparlamentarios e extraparlamentarios, así como dos distintos sindicatos, asociacións e organizacións do ámbito educativo. Así mesmo, resulta disparatado que a Escola Naval Militar de Marín poda expedir títulos universitarios grazas á un convenio coa Universidade de Vigo e non así as EEAA, únicas ensinanzas Superiores que aínda non forman parte da mesma.

A adscrición das ensinanzas de Arte Dramática na universidade beneficiaría considerablemente a calidade das titulacións que se imparten a día de hoxe en Galicia (Interpretación, Dirección de Escena e Dramaturxia, e Escenografía) e o alumnado podería ter opción de axudas, becas e programas de integración laboral, así como a programas de mobilidade e investigación interdisciplinar, entre outros. Dende AESAD entendemos que suporía un avance de moito calado na conservación e promoción das artes vivas feitas en Galicia e un motivo de orgullo por parte da Administración e os cidadáns, que verían renovado o sector das Artes Escénicas na nosa comunidade.

Por todo isto, dende a Asociación de Estudantes de Arte Dramática de Galicia (AESAD) queremos facer un chamamento á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que inicie os trámites para adscrición, así como, pedir o apoio público dos reitores das universidades galegas para dito proceso. Desexamos que se solucione este problema o máis axiña posible pois son moitos os alumnos que cada ano se titulan en Arte Dramática e non contan co título universitario, algo que lles está a pechar moitas portas a nivel laboral. Avogamos polo debate e o entendemento para defensa da cultura e da arte.

PRENSA ASOCIACIÓN ESTUDANTES ARTE DRAMÁTICA GALICIA (AESAD)